O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as resolucións de adxudicación definitiva de destinos no primeiro ciclo do concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario sanitario, diplomado e de formación profesional, e persoal de xestión e servizos. O Sergas é o primeiro servizo de saúde de todo o Estado en poñer en marcha un procedemento de concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario nos centros e institucións sanitarias do Sistema Público de Saúde. Este primeiro concurso foi aprobado pola Mesa Sectorial de Sanidade, na que estiveron presentes as organizacións sindicais.
Coa publicación desta Resolución conclúe o proceso de incorporación dos profesionais que obtiveron destino no primeiro ciclo do concurso de traslados aberto e permanente. Deste xeito, o Sergas cumpre o compromiso de favorecer a conciliación da vida laboral e familiar dos seus profesionais, permitíndolles optar a novos destinos, dunha forma áxil, sen suxeición a prazos, mediante o emprego de medios telemáticos e cunha periodicidade menor na adxudicación de destinos.
Así, 1.467 profesionais incorpóranse ao destino definitivo obtido, o que representa un 39,39% dos participantes. Deles, un total de 120 profesionais proceden de fóra do Servizo Galego de Saúde e 650 xa se encontran en comisión de servizos no destino adxudicado.
En canto as categorías, a de enfermería é a que rexistra o maior número de movementos, cun total de 809 profesionais que cambian de destino, seguida da de técnico en coidados auxiliares de enfermería, cun total de 161 e persoal de servizos xerais, cun total de 155. Por EOXIs, Vigo, A Coruña e Santiago son os centros de xestión co maior número de destinos adxudicados.
As persoas interesadas poden conultar as listas coas puntuacións e destinos definitivos asignados na páxina web do Servizo Galego de Saúde. Ademais, os/as aspirantes poden consultar desde hoxe, no seu expediente electrónico persoal (Fides/expedient-e), o resultado da súa baremación no concurso e o destino definitivo asignado.
A toma de posesión da nova praza debe efectuarse dentro dos tres días hábiles seguintes ao cesamento, se a praza desempeñada e a adxudicada son da mesma área de saúde. Se as prazas están en distintas áreas dentro do Sergas, o prazo amplíase ata os quince días hábiles se as prazas son de distinta área de saúde dentro do Sergas. No caso de tratarse de prazas situadas en distintos servizos de saúde, o prazo é dun mes.
Estes 1.467 traslados de persoal estatutario sanitario, diplomado e de formación profesional, e persoal de xestión e servizos, súmanse aos dos 340 profesionais licenciados sanitarios cuxa resolución publicouse no DOG do pasado día cinco de outubro.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.