Preto de 450.000 persoas participaron no programa galego de detección precoz do cancro colorrectal

Grazas as colonoscopias realizadas a 26.647 pacientes no marco do programa, lévanse detectados 1.436 casos de cancros invasivos, 4.736 de adenomas de alto risco, 6.572 de adenomas de risco medio e 5.983 de adenomas de baixo risco
Publicado por o día 31/01/2021 na sección de Sanidad,Salud

Preto de 450.000 persoas participaron no programa galego de detección precoz do cancro colorrectal

Dende a posta en marcha do Programa galego de etección precoz do cancro colorrectal, no ano 2013, participaron nel un total de 449.672 persoas. A iniciativa está dirixida a homes e mulleres de 50 a 69 anos e o seu obxectivo é detectar precozmente esta enfermidade.

Dende o seu inicio e ata decembro de 2019, enviáronse un total de 1.046.823 invitacións e participaron no programa o 44,39% das persoas invitadas, sete puntos superior en mulleres (47,7%), que en homes (40,8%). Cando se analiza a participación por rolda de cribado obsérvase que aquelas persoas que xa participaron algunha vez volven facelo nun 91,6%.

No período que vai dende o inicio do Programa e ata decembro de 2019 realizáronse colonoscopias a 26.647 persoas. Como resultado das mesmas identificáronse 1.436 cancros invasivos, o 67% dos cales estaban en estadios precoces nos que o seu prognóstico é significativamente mellor ( 49% en estadio uno e 18% en estadio II). Nos cancros colorrectais detectados fora do cribado, tan só o 14% son diagnosticados en estadio I. Ademais dos cancros tamén se identificaron 4.736 persoas con adenomas de alto risco, 6.572 de risco medio e 5.983 de risco baixo.

Compre subliñar que a Consellería de Sanidade completou a cobertura total a toda a poboación obxectivo do Programa galego de detección precoz do cancro colorrectal en 2019, cinco anos antes do que establece a Carteira básica común de servizos do Sistema Nacional de Saúde (SNS). Aínda que por mor da pandemia houbo que aprazar as citas do cribado dende o mes de marzo, en canto se recuperou a actividade en maio o Sergas retomou as citas de precolonoscopias e colonoscopias pendentes.

Funcionamento do programa

A proba de cribado consiste na detección de sangue oculto nas feces. A poboación diana, homes e mulleres de 50 a 69 anos, recibe no seu domicilio un folleto onde se lle explica o programa, unha carta cunha invitación a participar e unha tarxeta de aceptación con franqueo pagado. Para aceptar a participación, o usuario pode devolver a tarxeta depositándoa en calquera caixa de correos ou aceptar de forma telemática, seguindo as instrucións que se lle aportan na propia carta. Seguidamente se lle envía ao seu domicilio o material necesario para a toma da mostra e as instrucións para recollela.

Unha vez recollida, o participante deposítaa no seu centro de saúde dende onde se remitirá ao laboratorio do hospital de referencia para a súa análise. As persoas con resultado negativo recibirán unha carta con este resultado de normalidade e se lles volverá a invitar no prazo de dous anos. As persoas con resultado positivo no test son citadas na consulta do seu médico de atención primaria para explicarlles o significado e a necesidade de realizar unha colonoscopia para descartar ou confirmar a presenza de lesións.

A colonoscopia de cribado ten un carácter diagnóstico e terapéutico, xa que permite visualizar e extirpar todas as lesións detectadas. Unha vez realizada e extirpadas -no seu caso- as lesións suxestivas de malignidade, estas son analizadas no laboratorio de Anatomía Patolóxica e o programa de cribado realiza unha avaliación de risco de todos os pacientes, clasifícaos de acordo a este risco e establece o seguimento adecuado para cada paciente.

Tumor máis frecuente na poboación

O cancro colorrectal é o tumor maligno máis frecuente na poboación. Nas mulleres é o segundo en incidencia por detrás do de mama; e nos homes é o terceiro tras o cancro de pulmón e o de próstata. En relación á mortalidade, é a segunda causa de morte por cancro tanto en homes como en mulleres e constitúe a quinta causa de mortalidade en Galicia.

Este tipo de cancro non produce síntomas ata que xa está moi avanzado, polo que a maior parte diagnostícanse en estadios avanzados, o que afecta á supervivencia dos pacientes xa que, aos cinco anos do diagnóstico, é do 75-90% se o cancro é detectado en fases iniciais (fase I-II) e de tan só do 15% cando é detectado en fases máis avanzadas (fase IV). A detección precoz pode diminuír a mortalidade por esta enfermidade nun 35%.