Preto dun centenar de obras de máis de 20 editoriais benefícianse das axudas da Xunta de 200.000 euros para súa tradución e edición

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a resolución coa relación de beneficiarios das subvencións do Goberno autonómico para o libro galego
Publicado por o día 19/08/2020 na sección de Cultura

Diario Oficial de Galicia publica a resolución das axudas para o libro galego convocadas pola Consellería de Cultura e Turismo para a tradución a outras linguas de obras publicadas orixinalmente en galego e para a tradución ao galego de obras publicadas orixinalmente noutras linguas, así como para a súa edición, da que este ano son beneficiarias un total de 94 obras.

Cun investimento de 200.000 euros, destas 94 publicacións a Xunta de Galicia facilitará, por unha parte, a difusión e tradución ao galego dun total de 70 que estaban publicadas orixinalmente noutras linguas. Para as restantes 24 obras beneficiarias facilitarase a súa tradución a linguas como o castelán, italiano, francés, portugués, inglés e alemán. A convocatoria de axudas deste ano permitirá ao Goberno autonómico colaborar con máis de 20 editoriais galegas que editarán estas obras beneficiarias.

Prazo aberto para coleccións en bibliotecas

Iniciativas como esta enmárcase no traballo levado a cabo pola Xunta para apoiar o sector editorial, a través de varias liñas simultáneas. Neste sentido, permanece aberto ata o 31 de agosto o prazo da convocatoria extraordinaria de axudas lanzada en xullo para que as entidades locais poidan adquirir novidades editoriais en galego e mellorar as coleccións bibliográficas e axencias públicas de lectura integradas na Rede de Bibliotecas de Galicia por 300.000 euros.

A convocatoria súmase á lanzada a principios de ano, xa resolta, da que se beneficiaron 186 concellos cun investimento de 550.000 euros e dá resposta tamén aos compromisos do Plan de Reactivación dos sectores cultural e turístico para reforzar o apoio ao sector editorial galego cun incremento do 54% no apoio habitual neste ámbito.

A Consellería de Cultura e Turismo reforza así o apoio ao sector no actual contexto sanitario para ofrecer aos usuarios estas novidades editoriais en galego no momento da súa entrada no mercado, mediante un proceso de compra de libros en formato físico a cargo das entidades locais en función da demanda das súas bibliotecas e axencias de lectura.