O programa da Deputación “Violencia zero” chegou a Lalín da man de Rita Rodríguez, que pediu que os casos de violencia machista non sexan esquecidos

A deputada Digna Rivas destacou que “con estas accións queremos visibilizar e reivindicar a loita fronte as violencias machistas durante todo o ano e non só cada 25 de novembro”
Publicado por o día 27/02/2018 na sección de Deputación de Pontevedra

O programa da Deputación “Violencia zero” chegou a Lalín da man de Rita Rodríguez, que pediu que os casos de violencia machista non sexan esquecidos

A deputada provincial da Deputación de Pontevedra, Digna Rivas, acompañada polo alcalde de Lalín, Rafael Cuiña, e a concelleira de igualdade, María Jesús Sánchez, asistiu na praza da Igrexa da localidade do Deza á sétima intervención artística do programa “Mulleres en acción. Violencia zero“, da Deputación de Pontevedra.

No acto, Digna Rivas dirixiuse ao centenar de nenos e nenas dos centros educativos do CEIP Manuel Rivero, o CPR. Sagrado Corazón, o IES Laxeiro e CEIP Xesús Golmar para sinalarlles que “sodes o futuro e polo tanto os máis importantes destas accións, pois na vosa man está acabar coas violencias machistas”.

Ademais, a deputada provincial explicou que “con este programa queremos visibilizar e reivindicar a loita fronte as violencias machistas durante todo o ano, non só cada 25 de novembro” e repasou fronte o alumnado lalinense os dramáticos datos que sinalan que “desde 2007 foron asasinadas 725 mulleres e que nos últimos anos triplicáronse os casos de violencias machistas entre menores”.

Pola súa banda, María Jesús Sánchez, concelleira de igualdade de Lalín, agradeceu aos nenos e nenas a súa presencia e valorou positivamente o programa da Deputación de Pontevedra, “que vai remover conciencias entre os e as presentes”.

En canto á acción artística, a protagonista foi a coruñesa Rita Rodríguez, que fixo reflexionar ao público coa súa performance Pompas 0. Durante a súa actuación, a artista fixo participar aos nenos e nenas de Lalín empregando pompas de xabón que representaban a ingravidez e a levedade das mulleres ante as violencias machistas e exemplificaban como “cada caso de violencia machista desaparece tan rápido como unha pompa de xabón estoupa ao chocar cun corpo.”

“Mulleres en acción. Violencia zero” reúne o traballo de 25 artistas especializadas en diferentes modalidades como son a pintura, a música, a danza, o teatro, a poesía, o graffiti ou a performance, vinculadas todas elas pola vontade de ofrecer na súa obra un firme discurso en favor da igualdade de xénero.

Esta terceira edición comezou en novembro de 2017 e novamente terá lugar este ano en 25 concellos da provincia (Vigo, Pontevedra, Cerdedo-Cotobade, Mos, A Lama, Forcarei, As Neves, Lalín, Cambados, Ponteareas, Barro, A Cañiza, Valga, Silleda, Catoira, Gondomar, A Guarda, A Illa de Arousa, Bueu, Moaña, O Porriño, Ribadumia, Vilagarcía de Arousa, Mondariz e O Rosal).