Proposta dunha nova lei educativa, democrática e inclusiva que presenta a Confederación de Anpas Galegas no congreso d@s deputad@s

Publicado por o día 07/05/2018 na sección de Educación

Proposta dunha nova lei educativa, democrática e inclusiva que presenta a Confederación de Anpas Galegas no congreso d@s deputad@s

Piares para a  PROPOSTA DUNHA NOVA LEI DE EDUCACIÓN que enviamos ao Congreso d@s Deputad@s e na que demandamos que todo o alumnado teña acceso en condicións de igualdade a unha educación pública, democrática, inclusiva e de calidade.
O alumnado é o centro e a razón de ser do sistema educativo. A aprendizaxe na escola debe ir dirixida a formar persoas autónomas, críticas, optimistas, responsábeis, con pensamento propio, que teñan soños e talentos diversos; todas elas necesarias para o futuro do noso país.

O dereito de todo o alumnado a unha educación pública de calidade e durante o maior número posible de anos implica a necesidade de contar cun verdadeiro sistema público que lle permita alcanzar o éxito educativo e contribúa a construír unha sociedade xusta, integrada por persoas informadas e formadas.
É evidente a necesidade dun cambio metodolóxico centrado no alumnado como axente activo da súa aprendizaxe e non unicamente como receptor.

Unha educación obrigatoria que estea baseada no respecto e confianza nas nenas e nenos, o respecto aos seus ritmos, procesos e necesidades de aprendizaxe, o respecto a súa autorregulación e ao xogo como medio idóneo de aprendizaxe; a confianza no seu interese natural de aprender e a procura dos xeitos mais apropiados para o seu desenvolvemento integral, non só intelectual, tamén emocional, moral, psicolóxico, social e saudable.

Podes descargar aquí a PROPOSTA DUNHA NOVA LEI DE EDUCACIÓN