Promover unha reflexión respecto dos estereotipos de xénero representados nas imaxes, neste caso vinculadas ao deporte e á actividade física, é o propósito de O xénero nos ollos, un recurso didáctico que a profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Ana Rey e a investigadora Alba González, actualmente docente na Universidad Pontificia de Salamanca, desenvolveron ao abeiro do Premio Antonia Ferrín Moreiras, que promove a Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo. Dispoñible desde hai un ano na rede para o seu uso didáctico, este proxecto vén de ser recoñecido nos Premios Deporte Feminino Galego 2017, que promove a asociación Mulleres Deportistas Galegas (Mudegá).
O xénero nos ollos resultou premiado, xunto co grupo de Estudos de Xénero da Actividade Física e do Deporte da Facultade de Ciencias do Deporte e da Actividade Física da UDC, na categoría de iniciativa a prol do deporte da sexta edición duns galardóns que serán entregados o 21 de xuño nunha gala en Vigo, promovida pola Deputación de Pontevedra. “Alégranos moito recibir este premio, fundamentalmente porque é unha plataforma para que se difunda máis o traballo”, sinala Rey Cao do recoñecemento a un proxecto que naceu “cunha vontade moi grande de transferir o coñecemento” xerado en anos de investigación sobre os estereotipos presentes nas fotografías dos libros de texto de Educación Física, “para que puidese utilizarse no eido educativo”, a través dunha ferramenta que contribúa á “alfabetización visual” das novas xeracións respecto de “como se van construíndo os estereotipos a través das imaxes e da cultura visual á que estamos continuamente sometidos”.
“O deporte é unha plataforma moi interesante para visibilizar os estereotipos”, engade esta docente, que nese senso pon de relevo “a satisfacción que nos produce que unha asociación que ten un perfil feminista faga un recoñecemento ao noso traballo, que teña a ben pensar que é un traballo que favorece á visibilización e o recoñecemento da muller”. Non en van, engade, “no deporte hai mulleres fortes, valerosas, vigorosas… que rachan precisamente con eses estereotipos de xénero”.
Actividades dirixidas á reflexión
Nove actividades e unha unidade didáctica, que parten desa análise de preto de 10.000 fotografías publicadas nos libros de texto editados para a ESO entre os anos 2000 e 2011, previamente analizadas nas teses de doutoramento, dirixidas por Ana Rey, de Inés Táboas Pais e da propia Alba González, conforman O xénero nos ollos, un recurso dirixido a alumnado de dez anos en diante. Recurso que reúne unha serie de actividades, “que abordan oito estereotipos de xénero que detectamos nos libros de texto”, dirixidas a promover unha reflexión sobre como, por exemplo, nas imaxes os referentes masculinos son máis abundantes que os femininos, de como o estereotipo masculino se asocia ao vigor mentres que se asocia á fraxilidade en maior medida á muller ou sobre como as fotografías poden trasladar unha imaxe de subordinación da muller respecto do home. Actividades nas que, como sinala Rey, “o importante é á reflexión” que contribúa a que o alumnado poida “detectar e tomar consciencia deses estereotipos”, de que “as imaxes non son neutras”.
Actividades que á súa vez se completan cunha serie de datos procedentes das investigacións realizadas sobre os libros de texto,como que o 70% dos homes representados nas fotografías se correspondían co “somatotipo mesomórfico” das persoas atléticas e musculadas, mentres que o 76% das mulleres representadas nas imaxes correspondíanse con “persoas ectomórficas”, delgadas. Pero tamén que o 69% dos homes estaban representados en actividades deportivas relacionadas co alto rendemento, fronte a un 24% de mulleres ou que os homes aparecesen fotografados tamén nunha maior porcentaxe en espazos exteriores e en deportes de carácter colectivo, fronte a unha representación da muller máis vinculada cunha actividade física asociada ao cotián e o familiar. “Para unha persoa só existe aquilo que é quen de representar mentalmente. Se non existen referentes visuais de homes ou mulleres realizando unha determinada actividade, estase a dificultar que as persoas do sexo non representado se proxecten a si mesmas realizándoa”, sinalan nese senso as autoras deste recurso didáctico, “que evidentemente non é a verdade absoluta, senón que parte dunha perspectiva determinada do xénero e o feminismo”.
Vontade de transferencia
Trala súa publicación na rede, as responsables deste proxecto iniciaron un proceso de difusión en centros educativos ou asociacións vinculadas co ámbito formativo, á que se sumaron outra serie de iniciativas como a actividade formativa que, ao abeiro do Consello da Muller Nova, realizaron con profesorado dos institutos de Pontevedra ou a presentación desta actividade na revista Tándem. Didáctica de la Educación Física. Nesa mesma vontade de “transferencia, de estar en contacto coa comunidade educativa”, Rey Cao participa este venres na feira do proxecto Pontenciencia, que o Concello promove xunto coa Universidade, cunha actividade titulada Detectives de fotografías, “baseada na mesma lóxica que O xénero nos ollos”.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.