Cando se fala de economía, a mente fai unha viaxe a artigos de carácter académico situados lonxe da realidade socioeconómica da maioría das persoas. Non é o caso do volume que se presenta este mes dentro de reseñas.6 que, con motivo da celebración do Día Internacional da Muller o pasado 8 de marzo, tráenos Debatiendo con Piketty: a axenda para a economía e a desigualdade, un libro onde, da man de varios economistas, se incorporan novos puntos de vista ás investigacións do economista francés Thomas Piketty sobre o aumento da desigualdade nas últimas décadas. Dentro deste volume, reseñas6.céntrase no capítulo Debatiendo con Piketty, unha interpretación feminista do capitalismo patrimonial, da economista estadounidense Heather Boushey, quen, a través do seu artigo, incorpora a perspectiva de xénero ás teorías que Piketty desenvolveu en Capital no século XXI. A investigación da economista estadounidense está centrada na desigualdade económica e as políticas públicas, especificamente o emprego, a política social e o benestar económico e familiar.
Axitando conciencias mediante a lectura
“Estamos moi contentos, pouco a pouco o persoal da universidade e o estudantado vai interesándose máis polas exposicións que se fan arredor dos libros”, salienta Primi Blas, directora da biblioteca de Torrecedeira. Como cada mes, o equipo de organización de reseñas decorou diferentes recunchos da sala de estudo e realizou unha instalación arredor da publicación. Nesta ocasión, as persoas que se acheguen ata a biblioteca poden atopar unha mesa na que, ademais do volume protagonista do reseñas.6 tamén poderán ollar libros relacionados co feminismo e con protagonistas femeninas.
Coa difusión desta obra búscase, ademais de fomentar a lectura, espertar a curiosidade e a inquietude por temas de actualidade e tamén crear un espazo de reflexión aberto a toda a comunidade universitaria. Ademais, esta obra estimula o pensamento crítico sobre o momento socioeconómico actual, no que “hai contar coa perspectiva de xénero dentro da teoría económica, agora que as políticas neste eido baten en retroceso en materia de igualdade”, explica na recensión de reseñas.6 Ana Bande, técnica especialista da biblioteca na Facultade de Filoloxía e Tradución.
Volume crítico e complementario
Este non é o primeiro volume que fai unha crítica ás teorías que Piketty desenvolve en O Capital no século XXI, non obstante, non é habitual que se faga dende unha perspectiva feminista. Este artigo resulta relevante pola ollada de Boushey e as achegas que fai, mediante a súa crítica, aos textos e investigacións de Piketty.
O máis habitual nos estudos sobre economía é que non se teñan en conta todas as variables posibles. Por exemplo, moitas veces non se segregan os datos das investigacións en función do xénero ou da raza. Neste senso, Boushey incorpora á teoría feminista a súa crítica, “un feminismo económico no que a autora introduce argumentos e perspectivas que non estaban na investigación do economista francés, e que enchen os ocos que faltan para a total comprensión da situación socioeconómica do mundo actual”, salienta Bande na súa recensión.
Unha viaxe a un universo microscópico en reseñas.7
A actividade reseñas, que continuará ata finais de ano, xa ten deseñadas as súas próximas propostas. En abril o programa achegará o libro: La vida de las hormigas do premio Nobel de Literatura Maurice Maeterlinck, no que o autor explora o universo destes pequenos insectos na procura de analoxías co comportamento humano.
A directora da biblioteca subliña que “están a chegar propostas e temos todo cuberto ata o verán”, aínda así, anima a todas as persoas interesadas a facer chegar as súas propostas. Para facelo só é necesario poñerse en contacto coa biblioteca a través das súas redes sociais Twitter e Instagram.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.