Román Rodríguez destaca o compromiso da Xunta coa innovación e a investigación universitaria cun investimento de 75 M€ nas súas estruturas científicas

O conselleiro de Educación explicou ante o pleno do Parlamento que os orzamentos deste ano contemplan o maior esforzo inversor feito ata o momento para o Sistema Universitario Galego, cunha inxección de 451 millóns de euros
Publicado por o día 27/01/2021 na sección de Educación,Xunta de Galicia

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, subliña que compromiso do Goberno galego coa innovación e a investigación universitaria reflíctese nos arredor de 75 millóns de euros que o seu departamento está a investir nas estruturas científicas do Sistema Universitario Galego (SUG) a través de varias liñas de actuación, que abranguen desde o financiamento das ditas estruturas e a modernización e dixitalización das universidades ata liñas específicas de apoio ao labor investigador tanto de científicos como de centros e grupos de investigación.

O conselleiro interveu ante o pleno do Parlamento galego para dar conta das liñas de traballo que está a impulsar o seu departamento co fin de consolidar a investigación científica universitaria así como o proceso de innovación no Sistema Universitario Galego. Nesta liña lembrou que os Orzamentos deste ano para o sistema universitario acada os 451 millóns de euros, o que supón un máximo histórico, co cal se blindará o seu financiamento estrutural e estable para os vindeiros anos.

No ámbito concreto da investigación, Román Rodríguez explicou que a Xunta −a través da Consellería de Educación e da Vicepresidencia Segunda− vén de pechar a maior convocatoria pública feita ata o de agora de bolsas de apoio predoutoral e posdoutoral, tanto a nivel orzamentario (con case 18 millóns de euros, unha suba do 5%) como de prazas (con 175 contratos), cos que se garante a formación científica desde as etapas iniciais ata a consolidación de liñas de investigación propias. “Ademais −subliñou−, fomos a única comunidade autónoma que o ano pasado ampliou de forma automática ata final de ano todos os contratos dos investigadores, de eito que non se viran prexudicados polo confinamento da primavera”.

A isto hai que engadir outros cinco millóns de euros para a convocatoria de Investigador Distinguido, unha nova figura creada por primeira vez o pasado ano que ten como finalidade a captación e retención de científicos de recoñecido prestixio para que desenvolvan as súas liñas de traballo nos centros de investigación galegos principalmente.

Precisamente, neste momento a Xunta está traballando para que os oito Centros de Investigación que existen en Galicia queden agrupados baixo o selo Rede CIGUS, unha identificación de calidade que, en palabras do conselleiro, “permita proxectar Galicia como referente no eido científico e investigador”. Cómpre lembrar que a Xunta, a través da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, garante o funcionamento estrutural estable a medio prazo destes centros −que son os máis punteiros a nivel científico− cunha inxección de 18 millóns de euros para o período 2019-2022.

Así mesmo, tamén de xeito conxunto coa Vicepresidencia Segunda, a semana pasada vense de aprobar outra contía de 24 millóns de euros para o financiamento do funcionamento de 276 grupos de investigación (algúns integrados nos centros de investigación e outros fóra destes centros) que actualmente desenvolven o seu labor científico nalgunha das tres universidades galegas.

Román Rodríguez tamén deu conta dun novo fondo dotado con 10 millóns de euros adicionais de recursos propios da Xunta que se pon á disposición das tres universidades co fin de impulsar os procesos de innovación e dixitalización das infraestruturas e servizos nos sete campus do SUG. “Trátase dunha clara aposta pola modernización universitaria de Galicia de cara aos vindeiros anos, xa que debemos estar na mellor posición para afrontar os retos de futuro”, concluíu o titular de Educación.

Neste senso cómpre lembrar que os Orzamentos deste ano para o sistema universitario acada os 451 millóns de euros, o que supón un máximo histórico, co cal se blindará o seu financiamento estrutural e estable para os vindeiros anos.