Salceda de Caselas acolle este martes o programa da Deputación “Violencia zero” cun mural reivindicativo de Iria Fafián

Carmela Silva asistirá á esta nova acción artística da cuarta edición que nesta ocasión terá lugar no CRA Raiña Aragonta ante o seu alumnado
Publicado por o día 17/12/2018 na sección de Deputación de Pontevedra

Salceda de Caselas acolle este martes o programa da Deputación “Violencia zero” cun mural reivindicativo de Iria Fafián

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, xunto a Marcos Besada, alcalde de Salceda de Caselas, participará mañá martes 18 de novembro, ás 12.00 horas, na cuarta intervención artística da cuarta edición do programa da Deputación de Pontevedra “Mulleres en acción. Violencia zero“. É unha iniciativa que ten por obxectivo darlle visibilidade á loita contra as violencias machistas así como dar a coñecer o traballo de novas artistas contemporáneas que están a traballar a prol da igualdade.

A acción escénica, que terá lugar no CRA Raiña Aragonta de Salceda, será protagonizada pola ilustradora Iria Fafián que, ante o alumnado e o profesorado do centro, realizará un mural titulado “O xardín é de todas”. A artista galega é licenciada en Belas Artes e durante a súa carreira desenvolveu o seu traballo no eido do debuxo e o muralismo. Actualmente está a preparar unha exposición individual que se inaugurará no mes de decembro na Coruña.

Este ano “Mulleres en acción. Violencia zero” volve reunir o traballo de 25 artistas especializadas en diferentes modalidades como son a pintura, a música, a danza, o teatro, a poesía, o graffiti ou a performance, vinculadas todas elas pola vontade de ofrecer na súa obra un firme discurso en favor da igualdade de xénero. Esta cuarta edición comezou en novembro de 2018 e novamente se celebra en 25 concellos da provincia (Vigo, Pontevedra, Ponteareas, Salceda de Caselas, Vilaboa, Mos, Ponte Caldelas, Cambados, Vilagarcía de Arousa, Barro, Lalín, O Grove, Silleda, Tomiño, Poio, As Neves, A Illa de Arousa, Baiona, Cangas, A Guarda, Forcarei, Gondomar, Cuntis, Meis e Nigrán).