O Salón Teatro acolle o debut da compañía A Feroz dentro do programa de residencias do CDG

Esta peza interdisciplinar, escrita e dirixida por Lorena Conde, fala da decepción dunha xeración empeñada na procura da felicidade
Publicado por o día 07/02/2018 na sección de Eventos

O Salón Teatro acolle o debut da compañía A Feroz dentro do programa de residencias do CDG

A Feroz debuta este venres sobre as táboas coa estrea do seu primeiro espectáculo, Afterparty, no Salón Teatro de Santiago. Esta nova compañía galega participa no programa En Residencia do Centro Dramático Galego (CDG), no marco do que esta semana está a recibir asistencia artística e técnica na sede da compañía pública para ultimar a posta en escena da súa montaxe.

A compañía nace como un colectivo artístico que, nas súas palabras, busca transcender as barreiras persoais para poñer en común sobre o escenario as preguntas que comparten como xeración e todas as posibles respostas. Así xurdiu tamén Afterparty, peza escrita e dirixida por Lorena Conde, que fala da decepción, do empeño na felicidade e da procura de respostas por parte desa xeración que chegou tarde a todo. A Feroz defínea como “relato emocional no que reina o espírito do lixo, do exceso posmoderno”.

O resultado é un “artefacto escénico” no que a letra, a música, o espazo e o movemento corporal foron desenvolvéndose á vez durante un proceso de creación interdiciplinar. Inés Salvado, Beatriz Romero, Gustavo Freire e Lolo Castro son os encargados de lle dar vida ao espectáculo, con escenografía de Álvaro G. Mallo e Cecilia Castro, espazo sonoro de Manuel Abraldes, fotografía de Tamara de la Fuente e produción de Beatriz Romero.

O seu debut no Salón Teatro insírese, así mesmo, no programa Dramaturxente a través do que o Centro Dramático Galego está a desenvolver diferentes iniciativas de apoio, fomento e promoción da dramaturxia galega contemporánea.

A Feroz ofrecerá tres funcións de Afterparty en Santiago o venres 9 e o sábado 10, ás 20,30 h., e o domingo 11, ás 18,00 h. A venda anticipada de entradas está operativa a través do web www.entradas.abanca.com ou do teléfono 902 434 443. Os días das representación tamén poderán adquirirse no despacho de billetes desde dúas horas antes do comezo do espectáculo.