A Consellería de Sanidade decidiu prorrogar ata o vindeiro día 25 de xaneiro a campaña de vacinación da gripe, que se está desenvolvendo en Galicia baixo o lema “Contaxia a túa enerxía e non a gripe” dende o pasado 22 de outubro.
Dende a Consellería de Sanidade lémbrase que este ano en Galicia atrasouse a chegada da onda gripal e polo tanto todas aquelas persoas que o desexen e non o teñan feito, aínda están a tempo de vacinarse. Para ilo poden acudir a algún dos 900 puntos de vacinación repartidos por toda a comunidade, coma os centros de saúde e os hospitais do Servizo Galego de Saúde. Tamén en centros sanitarios privados ou residencias da terceira idade entre outros.
Dende esa data e ata o día de hoxe vacináronse un total de 559.893 persoas, o que supón uns 30.000 vacinados máis que no final campaña anterior. No caso concreto das persoas de 65 ou máis anos, un dos grupos de risco nos que a vacina está especialmente indicada, o número de vacinados é xa de 391.322. Nestas datas de 2018 a cifra para este grupo de idade era de 9.404 vacinados menos. A unha semana de que remate a campaña os datos indican un 58,16% de cobertura vacinal, porcentaxe que supera xa ao total de vacinados o pasado ano entre poboación galega de 65 ou mais anos.
Xunto á mellora das coberturas na poboación xeral, Sanidade subliña o aumento do número de vacinados entre os profesionais sanitarios, case un 32% máis que o ano pasado, segundo os datos provisionais manexados. Deste xeito consolídase a tendencia dos últimos anos pola que os profesionais sanitarios van incrementando a súa confianza nesta vacinación.
É necesario destacar tamén o elevado incremento de vacinación das mulleres embarazadas, cun incremento do 73 % con respecto á campaña de 2017. Isto é debido, probablemente, a unha maior concienciación da importancia desta enfermidade no embarazo por parte das mulleres e dos profesionais sanitarios que as atenden.
Últimos datos epidemiolóxicos
A Consellería de Sanidade lembra que o principal obxectivo desta campaña de vacinación é minimizar o impacto en saúde da gripe na poboación galega mediante a súa prevención, procurando diminuír o número de casos e a gravidade das complicacións derivadas de padecela. Co comenzo da onda gripal deste ano, os últimos datos epidemiolóxicos publicados amosan xa 152 ingresos hospitalarios (69 xa de alta) por esta enfermidade dos que 17 tiveron que ingresar na UCI. Dos 136 que tiñan indicada a vacina, o 64% non a puxeran .
Dende o inicio da onda gripal, entre o total de ingresos con gripe confirmada, rexistráronse dous falecementos, un deles por gripe e outro dun paciente con gripe que faleceu por outros motivos. Os dous tiñan recomendada a vacina e non estaban vacinados.
Para máis información poden consultar a web temática da campaña (https://gripe.sergas.es), como o principal portal de información para a sociedade e os profesionais, con toda a información actualizada.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.