Segue aberto o prazo de inscrición dos dez cursos do proxecto formativo “Millennials” 2019 para mozos da provincia

As solicitudes de admisión nas accións formativas que se desenvolverán entre outubro e decembro poderán ser enviadas ata o 27 de setembro
Publicado por o día 17/09/2019 na sección de Deputación de Pontevedra

Segue aberto o prazo de inscrición dos dez cursos do proxecto formativo “Millennials” 2019 para mozos da provincia

A Deputación de Pontevedra iniciará no vindeiro mes de outubro un total de dez cursos gratuítos do proxecto “Millennials” 2019, o plan dirixido á mocidade da provincia co obxectivo de mellorar a súa empregabilidade e o seu acceso ao mercado laboral a través de formación e asesoramento ligado ao emprendemento. Deste xeito, o prazo de solicitude de matriculación continuará aberto ata o vindeiro venres 27 de setembro, posto que o calendario lectivo dará comezo en outubro.

Entre os cursos figura a nova edición dunha acción formativa en Pontevedra e outra en Vigo que se levan desenvolvendo desde xullo, pero que a Deputación decidiu repetir nunha nova convocatoria pola súa gran demanda e acollida. Trátase dos cursos “Marketing dixital: estratexias SEO, SEM, redes sociais e análise de tráfico web” en Pontevedra e “Creación de contidos dixitais (videoxogos, imaxe e vídeo)” en Vigo. As persoas interesadas xa poden inscribirse nos correos electrónicos cursoEOI.pontevedra@eoi.es e cooperacion@depo.es.

Os oito cursos restantes impartiranse, ademais de en Pontevedra e Vigo, en Vilagarcía de Arousa e Ponteareas. Así, en Pontevedra, ademais do curso “Marketing dixital: estratexias SEO, SEM, redes sociais e análise de tráfico web” están previstas as accións formativas “Creación e xestión de tendas en liña”, cuxa duración ascende a 316 horas; e “Xestión de fidelización de establecementos turísticos”, de 166 horas.

Por outra banda, Vigo acollerá outras catro accións formativas alén do curso “Creación de contidos dixitais (videoxogos, imaxe e vídeo)”. Son “Deseño e prototipado rápido mediante impresión 3D e mecanizado”, de 316 horas lectivas; “Creación de aplicacións móbiles (aplicacións para Android e IOS)”, tamén de 316 horas; “Organización e xestión de produción: Lean Manufacturing 4.0”, de 312 horas; e, por último, “Xestión de empresas turísticas. Deseño e desenvolvemento de produtos”, de 166 horas. A totalidade destes cursos terá lugar na sede da Deputación en Vigo.

En Vilagarcía de Arousa (Matosiños) terá lugar a acción formativa “Deseño e prototipado rápido mediante impresión 3D e mecanizado”, mentres que o CDL de Ponteareas acollerá a acción formativa “Programación web con software libre. Web development bootcamp”. Ambos os dous cursos contan cun total de 316 horas de formación.

As persoas interesadas nestes oito cursos poden inscribirse a través da web https://eoi.es/es/formacion-para-el-empleo-joven e obter información adicional a través do enderezo electrónico coooperacion@depo.es ou no teléfono 986 804 100 (extensións 40652 e 40267). Por outra banda, dado que a totalidade das accións formativas dará comezo en outubro, as persoas que poidan estar interesadas nas accións de promoción que se van realizar en PontUp Store en Pontevedra entre o 19 e o 21 de setembro poderán participar nesta edición de “Millenials” sen que prexudique a súa asistencia ás clases.

O proxecto “Millennials”, cofinanciado pola Deputación de Pontevedra e o Fondo Social Europeo, diríxese a mozas e mozos con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos, con cursos deseñados e adaptados ás súas necesidades e ás necesidades do tecido industrial da provincia no marco do Plan Nacional de Garantía Xuvenil. Este proxecto enmárcase, así mesmo, no convenio de colaboración entre a institución provincial e a Escola de Organización Industrial, dentro do Programa Operativo de Garantía Xuvenil.