Segundo bis das visitas guiadas á mostra “Galicia, a terra dos mil panos”

O Museo e a asociación Sete Espadelas organizan os derradeiros percorridos para o vindeiro sábado, agora con inscrición previa
Publicado por o día 28/08/2019 na sección de Pontevedra,Deputación de Pontevedra,Galicia

Segundo bis das visitas guiadas á mostra “Galicia, a terra dos mil panos”

Realizar unha quenda extra de visitas guiadas á exposición “Galicia, a terra dos mil panos” non foi suficiente. O Museo e a Asociación Etnográfica Sete Espadelas acaban de organizar un segundo bis ante o éxito e o desbordamento de público nos percorridos anteriores, cando foi necesario formar varios grupos cos centos de persoas asistentes para coñecer a mostra.

A nova cita, extraordinaria e definitiva, será o vindeiro sábado 31 de agosto e realizarase en dúas quendas, a primeira ás 10 da mañá e a segunda ás 12 do mediodía. A novidade é que nesta ocasión será preciso inscribirse previamente no correo gabinetedidactico.museo@depo.es e as prazas outorgaranse por rigorosa orde de chegada. As solicitudes poderán facerse, indicando preferencia de horario, ata o vindeiro xoves ás 14 horas e as prazas concedidas comunicaranse o venres día 30.

Como nas anteriores ocasións, o percorrido comentado farano os dous comisarios da mostra, José Luis Rodríguez Álvarez e David Quiñones Vázquez, que explicarán en profundidade e de xeito personalizado a escolma de mantóns e tecidos orixinais utilizados na vestimenta da Galiza do século XIX e de principios do XX. O director do Museo, José Manuel Rey, quixo agradecer a súa dispoñibilidade e as facilidades que brindaron para organizar todas as visitas extraordinarias.

É preciso lembrar que as persoas que aínda non visitasen a mostra poden facelo tamén de forma libre, mais teñen de prazo ata o vindeiro domingo día 1 de setembro, data na que a exposición pechará definitivamente.