Seis de cada dez microempresas galegas empregan software libre, un 10% máis que o ano anterior

No segmento empresarial de 10 ou máis traballadores o uso do software libre elévase ao 87% das empresas, o que sitúa a Galicia na quinta posición do ranking estatal por diante de Madrid, Cataluña e País Vasco
Publicado por o día 09/05/2019 na sección de Empresas

Seis de cada dez microempresas galegas empregan software libre, un 10% máis que o ano anterior

Seis de cada dez microempresas galegas emprega software libre, experimentando un aumento do 10,3% no último ano. No caso das empresas de 10 ou máis empregados, a porcentaxe supera o 87%, por riba da media española, o que sitúa a Galicia no quinto posto da comparativa por Comunidades Autónomas, por diante de Madrid, Cataluña ou País Vasco. No caso concreto do sector TIC galego o uso do software libre xa acada o 89,7%.

Son datos recollidos nos dous estudos sobre o uso de software libre nas empresas e nas empresas informáticas de Galicia no ano 2018, publicados hoxe polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

Tipoloxía de software empregado

As aplicacións libres con maior implantación nas empresas galegas seguen a ser os navegadores de internet e as aplicacións ofimáticas libres. Non obstante, o maior incremento produciuse nas aplicacións relacionadas co software de seguridade, plataformas de aprendizaxe ou servidores de correo electrónico.

O uso do software de seguridade, plataformas de aprendizaxe, servidores de correo electrónico libres medrou tanto en microempresas (27,1%) como en empresas de 10 ou máis traballadores con actividade en Galicia (41,2%), ocupando o segundo posto na comparativa por Comunidades Autónomas.

Uso por sectores

O sector servizos confírmase como o que máis uso realiza do software libre, independentemente do tamaño das empresas. Nas microempresas o uso de aplicacións libres supera o 64% das entidades e nas empresas de 10 ou máis empregados sitúase por riba do 90%.

As empresas informáticas galegas como provedoras de solucións TIC
Máis da metade das empresas TIC galegas oferta produtos en software libre (50,8%). Os programas de software libre máis ofertados son os sistemas de “Sistemas de xestión de bases de datos” “servidor web” e os programas “xestión de contidos de portais e páxinas web”.

En termos evolutivos, cabe salientar os seguintes: o “Software para dispositivos móbiles”, que experimenta un aumento de 3,6 puntos e o “E-learning”, que aumenta case 4 puntos porcentuais.

Debilidades e fortalezas do software libre

Entre os motivos polos que as empresas TIC non empregan software libre, a máis destacada é a “incompatibilidade cos sistemas ou interlocutores actuais”, sendo a segunda causa a “complexidade ou risco de cambio”.

En relación ás fortalezas, os principais aspectos que valoran os clientes do software libre son o custo (70,7%), a independencia do provedor (57,3%) e a persoalización (44,8%).

Outro aspecto positivo que destaca este estudo é o aumento da formación TIC recibida polo persoal tanto técnico como usuario nas empresas TIC galegas no ano 2018. O maior crecemento produciuse na formación recibida en software libre do persoal técnico (59%), cun incremento de 13,6 puntos porcentuais. A formación en software libre do persoal usuario (42,3%), experimentou un aumento de 9,4 puntos porcentuais.

En relación á previsión que realizan as propias empresas TIC galegas sobre a evolución do software libre, cabe salientar que un significativo 45,4% opina que se incrementará a súa presenza nos próximos anos.

Plan de software libre da Xunta

A Xunta de Galicia, a través da Amtega, vén desenvolvendo, en colaboración cos principais axentes do software un Plan anual para o impulso e difusión do software libre na Administración, nas empresas e entre a cidadanía. Ás actuacións deste Plan súmanse as actividades do Centro Demostrador TIC para achegar ás empresas as diferentes solucións en software libre ao seu alcance e as realizadas a través da Rede de Aulas CeMIT para formar á cidadanía neste tipo de ferramentas.

Poden consultarse os datos deste informe na seguinte ligazón: www.osimga.org