Na sesión do xoves da Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural do Parlamento Europeo tivo lugar un debate con Rudolf Moegele, responsábel da Dirección Xeral de Agricultura e Desenvolvemento Rural da Comisión Europea (CE), co obxectivo de afondar nas claves da vindeira Política Agraria Común recollidas no documento “O futuro da alimentación e a agricultura”.
Xa durante a súa presentación no pasado mes de novembro, Lídia Senra, coordenadora do Grupo da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica na Comisión de Agricultura (GUE/NGL), acusou á CE de adoecer dunha absoluta falta de asunción de responsabilidades no peche de milleiros de explotacións agrarias. Hoxe, nunha dura intervención, a eurodeputada galega cualificou de “insulto á intelixencia” a análise trasladada polo representante da Comisión ás europarlamentarias/os. “Cando estaba escoitando de novo á Comisión Europea tiven un pouco a sensación de que o seu plantexamento é un insulto á intelixencia. Seguen día tras día falando sen facer absolutamente ningunha proposta para poñer unha solución real ao problema de fondo que temos aquí, que é a supervivencia de milleiros de familias labregas na Unión Europea.”
Para Senra resulta intolerábel que as propostas achegadas pola CE sexan sempre “máis do mesmo”, unha liña política que o único que fai é “seguir provocando precariedade para as labregas e labregos e seguir permitindo o avance dunha política industrial tremendamente contaminante”, co agravante de que, inda por riba, as políticas neoliberais que levan a estas consecuencias aplícanse “dicíndonos totalmente o contrario, que imos poñer grandes solucións para contribuír a paliar o quecemento global”.
Fronte a esta significativamente habitual falta de correspondencia entre os supostos obxectivos das políticas europeas e a realidade das súas actuacións, a eurodeputada galega esixiu á Comisión Europea unha revisión en profundidade das consecuencias da Política Agraria Común (PAC) e pór fin á exasperante elusión de responsabilidades por parte do ente comunitario. “Aquí todo o mundo fala de dificultade para o relevo xeracional, das baixas rendas do campesiñado… Pero ao final estes problemas non se queren relacionar cas consecuencias das políticas agrarias que se viñeron aplicando nestes últimos anos. Entón, quen é o responsábel do que nos está pasando?”, inquiriu. “Explíquennolo por favor, explíquennolo. Porque se a PAC non ten nada que ver, quen gobernou entón? Quen elaborou as políticas que nos levaron á grave situación na que estamos agora?”.
Senra aproveitou a súa quenda de palabra para traer tamén a colación o peche forzado de milleiros de explotacións leiteiras na Galiza, criticando a tendencia ao parcheamento a base de diñeiro público co que a Comisión Europea adoita xustificar a falta de posta en marcha de políticas reais, de fondo, que fagan fronte ás problemáticas creadas polo proceso de liberalización da produción agroalimentaria. “Aprenderon algo da última medida estrela da CE? Da redución voluntaria da produción de leite?”, cuestionou aludindo a que xusto nesta semana no escenario de “diálogo ca sociedade civil” que mantén a Comisión Europea evidenciouse o fracaso desta medida ao revelarse datos de superprodución de leite por parte dalgúns dos Estados [Sesión do martes 20 de febreiro]. “Onde está a eficacia do gasto de diñeiro público que tentaron convencernos de que sería a solución para controlar a superprodución. Onde está a eficacia?”.
Fronte a este fracaso, a eurodeputada galega reivindicou a necesidade de levar adiante un cambio “real”. “Non será mellor voltar falar de regulación da produción e do mercado, de prezos e dun modelo de agricultura que xere alimentos sans e de calidade? Non será mellor falar de situar os prezos que perciben las labregas e labregos no centro da PAC? Non será mellor falar dun modelo de agricultura non contaminante e que xere alimentos sans e de calidade?”.
Por último, Lídia Senra acusou á Comisión de estar enganando á sociedade aplicando unha política agraria que o que está a facer é seguir concentrando o diñeiro publico e a riqueza en cada vez menos mans. “Deixen xa de enganarnos, por favor, estamos fartas. A sociedade está farta, e a que lles fala esta farta de que dende o ano 1994 utilicen todo o que a sociedade quere cambiar para disfrazar unhas alternativas que van no sentido contrario. Por favor, deixen de enganarnos”.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.