Sete conferencias para estar ao tanto das últimas novidades xurídicas

A formación desenvolverase do 26 de outubro de 2018 ata o 14 de xuño de 2019
Publicado por o día 15/10/2018 na sección de Galicia,Ourense,Universidade de Vigo

Sete conferencias para estar ao tanto das últimas novidades xurídicas

A administración electrónica, a publicidade denigrante respecto á muller… Estes e outros temas de actualidade xurídica serán os protagonistas do Curso de Actualización Xurídica 2018-2019 que a Facultade de Dereito acollerá ao longo deste curso académico. Trátase de sete conferencias doutros tantos especialistas que permitirán ao alumnado e profesorado do centro actualizar os seus coñecementos en diferentes áreas do dereito.

O comité organizador da iniciativa está formado polas profesoras e membros do equipo decanal da Facultade de Dereito Marta Fernández e Francisca Fernández Prol. A iniciativa, lembran, púxose en marcha por primeira vez o pasado curso no marco das actividades da Comisión de Calidade do seu centro. De aí xurdiu un programa de formación permanente no que cada área do centro participou propoñendo un experto ou experta e unha temática do seu interese pero de carácter transversal, con interese tamén para as demais ramas de coñecemento. Na primeira edición, explican desde a organización, inscribíronse 15 docentes e 49 estudantes de grao e mestrado, acadando “unha avaliación positiva no marco da Comisión de Calidade, que decidiu organizar unha nova edición na que se manteñen os mesmos obxectivos e destinatarios”.

Os obxectivos da iniciativa son continuar avanzando na formación multidisciplinar do persoal docente e investigador da Facultade de Dereito e na súa actualización en temáticas xurídicas alleas ás especialidades de cada docente, pero, a miúdo, necesarias para a aproximación e análise de cuestións complexas. Ademais, o curso quere fomentar o intercambio de información relativa a institucións ou réximes xurídicos polémicos, novidosos ou de actualidade, alén de fomentar a conformación de foros de debate e discusión.

Diversidade temática

As sesións desta segunda edición desenvólvense unha vez ao mes, preferentemente o último venres de cada mes, entre o 26 de outubro de 2018 e o 14 de xuño de 2019.  Aínda que especialmente deseñadas pensando na actualización da formación do profesorado e do alumnado de grao e mestrado do centro, as conferencias, pola súa vinculación coa actualidade, tamén están abertas á asistencia de membros da comunidade universitaria doutras titulacións, profesionais e público en xeral. As conferencias que se desenvolverán contan coa implicación das áreas de Dereito Penal, Filosofía do Dereito, Dereito Constitucional, Dereito Internacional Privado, Dereito do Traballo e da Seguridade Social, Dereito Mercantil e Dereito Administrativo.

As conferencias arrancarán o día 26 de outubro achegándose á cuestión da reforma da responsabilidade penal culposa en Italia, coa participación dos profesores Matteo L. Mattheudakis e Gian Marco Caletti, da Universidade de Bolonia. Trala súa intervención desenvolverase unha programación de conferencias periódicas nas que participarán José María Pérez, catedrático de Historia do Dereito da Universitat de Girona; María José Corchete, profesora titular da Universidad de Salamanca; Alfonso Calvo, catedrático da Universidad Carlos III de Madrid; Manuel Carlos Palomeque, catedrático da Universidad de Salamanca, e Luis Antonio Velasco, catedrático da Universidad de Valladolid. Nas súas intervencións tratarán cuestións como as confluencias entre o dereito e a teoría literaria; como afrontar o conflito constitucional da obxección de conciencia e os silencios do lexislador; as perspectivas de futuro do dereito internacional privado europeo no século XXI; a utilidade hoxe en día do dereito do traballo; a publicidade denigrante para as mulleres e a administración electrónica.