Sofía e Mateo son os nomes máis frecuentes das nenas e nenos que nacen en Galicia

O IGE publica a Estatística de nomes dos neonatos galegos correspondente ao ano 2018
Publicado por o día 31/10/2019 na sección de Galicia

Sofía e Mateo son os nomes máis frecuentes das nenas e nenos que nacen en Galicia

O Instituto Galego de Estatística (IGE) vén de publicar a Estatística de nomes dos neonatos galegos correspondente ao ano 2018, que reflicte que Sofía e Mateo son os nomes máis frecuentes das nenas e nenos nados en Galicia.

Os nomes de mulleres máis frecuentes son Sofía, Noa, Daniela, Martina, Sara e Valeria. Se se compara co 2017, os cinco primeiros continúan na mesma posición mentres que Lucía desaparece do sexto lugar e é substituído por Valeria. Pola contra, se se establece unha comparativa co ano 2008, só se manteñen dous nomes entre os seis primeiros nomes máis frecuentes que son Noa e Sara.

En canto aos nomes masculinos, a estatística mostra que os seis máis frecuentes son Mateo, Martín, Lucas, Hugo, Leo e Daniel. A mesma comparativa co 2017 reflicte que estes eran tamén os nomes preferentes nese ano aínda que en posicións distintas, agás Enzo que desaparece e é substituído por Daniel. Pola contra, se se establece unha comparativa co ano 2008, só se manteñen Hugo e Daniel.

Por outra banda, se se amplía a mostra e se teñen en conta os 20 primeiros nomes, pódese ver como, entre 2017 e 2018, no caso dos nenos todos os nomes coinciden agás Diego, Mario e Alex que no 2018 son substituídos por Nicolás, Anxo e Roi. En canto ás nenas, no 2018 soben á lista María, Lía e Mía e desaparecen Paula, Iria e Sabela. Ademais, na actualidade medra a tendencia a empregar nomes galegos tanto para as nenas (Noa, Antía ou Uxía) como para os nenos (Brais, Antón ou Anxo).

Estatística sobre os nomes máis frecuentes da poboación

O IGE tamén dispón da Estatística sobre os nomes máis frecuentes da poboación a través da cal se pode coñecer a evolución histórica dos nomes en función da localidade, o xénero ou a década (desde antes de 1930 ata a década actual).

Esta estatística ofrece información relativa aos nomes da poboación que ten fixada a súa residencia na Comunidade Autónoma de Galicia, e permite tamén coñecer a distribución comarcal de calquera nome. Esta estatística pódese consultar neste enlace.