“Somos historias”, chega este martes á cidade de Braga coa promoción turística de #PontevedraProvincia

O histórico edificio do Teatro Circo acollerá a segunda presenza en Portugal da presidenta da Deputación, Carmela Silva, que estará centrada no Camiño a Compostela, os #RíasBaixas Fests e o Patrimonio
Publicado por o día 11/06/2018 na sección de Deputación de Pontevedra

“Somos historias”, chega este martes á cidade de Braga coa promoción turística de #PontevedraProvincia

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada pola deputada provincial, Digna Rivas, acudirá este martes á cidade portuguesa de Braga nunha nova parada da campaña de promoción turística 2018 “Somos Historias“. Esta será a segunda incursión deste ano no país veciño, despois do seu paso por Porto. Amais, anteriormente, tamén fixéronse actos de promoción turística na Feira Internacional de Turismo (FITUR), no Teatro Rialto da Gran Vía de Madrid e no Hotel Eurostars Palace de Córdoba.

O acto comezará ás 12.00 horas (hora española) no Teatro Circo de Braga, unha histórica edificación de 1915, foro da vida artística e cultural da área norte de Portugal, e consistirá nun encontro profesional con touroperadores, axentes turísticos, representantes institucionais do Norte de Portugal, responsables das asociacións xacobeas no Distrito do Norte de Portugal e medios de comunicación do eido do turismo para presentar a campaña de promoción que o goberno de Carmela Silva escolleu neste 2018 ao abeiro do Ano do Patrimonio.

No evento, Silva centrará a súa intervención no Camiño Portugués a Compostela, os Festivais Rías Baixas e o patrimonio fortificado e espiritual, coa reapertura do Castelo de Soutomaior e o fío condutor da figura de María Vinyals. Tamén no enoturismo, xa que Portugal é o sexto país produtor de viños do mundo e tamén é o primeiro consumidor de cantidade e de variedades; as festas de interese turístico da provincia e a gastronomía de Rías Baixas.

Deste xeito, a promoción da provincia como destino turístico chega da man da Deputación á terceira cidade máis importante de Portugal e capital dun distrito, con preto dun millón de habitantes, co que a provincia de Pontevedra ten grandes relacións de cooperación transfronteiriza, especialmente, polos lazos culturais que unen a ambos territorios.