“Son Galego, Son Cubano” chega esta noite a Cangas da man do programa da Deputación “Musigal” 2019

Publicado por o día 27/08/2019 na sección de Galicia,Cangas,Deputación de Pontevedra

“Son Galego, Son Cubano” chega esta noite a Cangas da man do programa da Deputación “Musigal” 2019

O concello de Cangas acollerá este martes, 27 de agosto, o espectáculo do músico galego Roi Casal “Son Galego, Son Cubano”, no marco do programa da Deputación de Pontevedra vinculado á área de cultura “Musigal” 2019. O show de Roi Casal con letras de Neira Vilas, que púxose en escena por primeira vez no Gran Teatro da Habana e que desenvólvese ao abeiro da programación das Festas do Cristo, celebrarase hoxe ás 22.30 horas nas Naves de Ojea

“Musigal” 2019 naceu co obxectivo de favorecer a programación artística por parte dos concellos e diríxese especificamente aos grupos e artistas profesionais de música. Un dos seus obxectivos é a dinamización da lingua galega, en canto que busca favorecer a vivencia positiva no noso idioma e contribuír á posta en valor da lingua galega e ao incremento do seu uso e prestixio, á socialización en galego da infancia e da mocidade e á toma de consciencia sociolingüística da poboación da provincia de Pontevedra.

Este 2019 participan no programa da institución provincial máis de 100 grupos e artistas con domicilio social en Pontevedra. Esta segunda edición do programa, que conta cun orzamento de 500.000 euros, incrementou notablemente as solicitudes de inscrición con respecto á primeira edición, que había arrancado con 70 inscritos. Como o ano pasado neste programa existen seis categorías musicais: ‘Son muller’, na que poden inscribirse grupos nos que polo menos o 60 % das persoas integrantes e a vocalista sexan mulleres; “Son crianza” para grupos con espectáculos dirixidos ao público infantil e familiar; “Son mocidade” para grupos nos que polo menos o 60 % das persoas integrantes sexan menores de 35 anos; “Son tradición” para grupos de música tradicional galega; “Son clásico” para grupos de música clásica que teñan no seu repertorio composicións de autoras e autores galegos; e “Son actual” para grupos de pop, rock, hip hop e música electrónica.