Ir máis aló dos filamentos que de forma xeral se empregan nas impresoras 3D e explorar as posibilidades que outorgan diferentes tipos de materiais é un dos obxectivos centrais do Taller de impresión 3D que a Vicerreitoría do campus promove para este segundo cuadrimestre, complementando o programa de obradoiros de Extensión Universitaria abertos a toda a cidadanía. O curso, que busca servir como continuación ao obradoiro centrado nestas tecnoloxías, mantén aberta desde esta semana a súa inscrición na plataforma Culturxest e desenvolverase nas tardes dos martes, a partires do 6 de marzo, na Escola de Enxeñaría Forestal.
Cun prezo de 26 euros para os integrantes da comunidade universitaria e de 40 para o resto da cidadanía, este taller limitado a un máximo de 16 prazas responde nese senso “a unha certa demanda das persoas que viñeron ao primeiro, que querían ir un pouco máis aló”, como sinala o técnico Vicente López Díaz, Txapu, responsable de impartir este taller xunto co técnico dos servizos informáticos Antón Vázquez. Mais, esta idea non é incompatible coa incorporación de novo alumnado, como sinala o seu responsable, que lembra “que contar cuns coñecementos de base non é un requisito” para asistir a un taller que no caso de reunir a alumnado con diferentes graos de manexo deste tipo de dispositivos, articularíase en diferentes grupos.
Imprimir, imprimir e imprimir
De carácter fundamentalmente práctico, o propósito central do taller, explica López Díaz, é que as e os asistentes, unha vez conten cuns coñecementos introdutorios, poidan “centrarse en imprimir propiamente”, de tal xeito que coñezan as potencialidades deste tipo de tecnoloxías experimentando directamente, realizando diferentes probas e prototipos. Nese senso, un dos aspectos a abordar será coñecer o funcionamento doutro tipo de filamentos máis alá dos que centraron o anterior obradoiro, ABS e PLA, para así comprobar as posibilidades de materiais como o PETF, que se emprega en obxectos vinculados á alimentación, ou as combinacións de ABS con fibra de carbono, cobre, aluminio ou madeira. “Estas mesturas dánche por exemplo uns acabados distintos sen ter que pintalos, pero tamén che permiten gañar en flexibilidade, resistencia ou durabilidade”, sinalan os responsables deste curso duns materiais que “amplían o abano de posibilidades” duns dispositivos, lembran, cada día máis estendidos.
Así mesmo, outro dos propósitos do curso é abordar como se poden “aforrar custos” mudando os parámetros de construción que permiten dar unha maior dureza a algunhas pezas e deixar ocas outras por dentro, xa que, lembra López Díaz, “non é o mesmo facer un boneco que unha chave inglesa”. Do mesmo xeito, o proceso de experimentar coas impresoras estará aberto ás propias demandas e necesidades do alumnado. “No primeiro obradoiro, un reparou un microondas e outro unha cortacéspede coas pezas que fixemos”, relata o responsable dun taller que nese senso buscará “que o que fagamos sirva para algo, ver que necesidades teñen eles e tratar de deseñar as pezas que lles poidan facer falta”.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.