Doce creadoras e un artista formados nas aulas de Esdemga protagonizan cos seus deseños Tecidos e vestidos no laboratorio gráfico, unha exposición que, trala súa presentación na Casa Galega da Cultura de Vigo o pasado mes de xuño, acaba de cruzar o Atlántico para dar conta da creatividade das tituladas e titulados nestes estudos da Facultade de Belas Artes na cidade colombiana de Medellín. No marco do sétimo Simposio Internacional de Diseño Sostenible, a Facultad de Diseño da Institución Universitaria Pascual Bravo acolleu unha mostra que afonda na importancia do debuxo e a creación gráfica no deseño téxtil, nesta ocasión integrada por unha selección das pezas que formaban parte da exposición orixinal, complementadas á súa vez polas creacións de catro artistas formados nesta universidade colombiana.
“Levouse unha selección dos traballos máis representativos, un pouco demostrativa de todos os aspectos da titulación, tendo en conta tamén as dificultades da montaxe”, salienta a directora de Esdemga e comisaria de Tecidos e vestidos no laboratorio gráfico, Lola Dopico, dunha exposición inaugurada na xornada previa ao inicio deste simposio internacional e que permaneceu aberta durante os propios días do congreso, ao que a investigadora principal do grupo dx7 da Facultade de Belas Artes acudiu como unha das conferenciantes internacionais convidadas. “Trasladar unha mostra a unha cidade de Medellín, de máis de dous millóns e medio de habitantes e en plena expansión metropolitana foi impresionante”, salienta Dopico da presentación en Colombia da oportunidade que a súa participación neste simposio abriu para presentar a exposición nun “contexto moi especializado”, no que “foi moi interesante ver o interese que espertou no resto dos participantes das diversas universidades e tamén nos propios estudantes, que se implicaron dun xeito incrible, axudando e colaborando en todos os aspectos da montaxe”. De feito, Tecidos e vestidos no laboratorio gráfico presentábase en Medellín cunha versión máis reducida respecto da mostra que puido visitarse en Vigo ata comezos deste mes, pero complementada á súa vez por un diálogo “cunha serie de traballos que se desenvolveron nesta universidade, centrados tamén no deseño gráfico para moda”.
Trece propostas que vinculan debuxo e moda
Teresa Búa, Miriam Cartagena, Vicky Cordero, Isabel Domenech, Micaela Fernández, Melania Freire, Claudia González, María Paz, Ana Pérez Valdés, Carlota Pérez, Rosa Reboreda, Elena Rial e Eduardo Outeiro son as e o protagonista dunha exposición “centrada no debuxo como ferramenta dentro do deseño de moda”, como explica Dopico, é á que se sumaban nesta ocasións as creacións, como artistas convidados, dos colombianos Efigenia Castro, Natalia Cuesta, Felipe Cataño e Sebastián Madrid. Nas súas diferentes pezas a mostra traza un percorrido por “diferentes maneiras de abordar o elemento gráfico dentro do deseño de moda”, que, como explica Dopico, constitúe “unha das tendencias actuais máis importantes” dentro do sector da moda e que se ve representada nesta mostra por diferentes enfoques, narrativas ou técnicas, como tecidos pintados a man, ilustracións que se transforman en prendas ou serigrafías artesanais. Nese senso, a directora de Esdemga e do máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda, que do 24 ao 26 deste mes abre o último prazo de preinscrición, recoñecía no seu paso por Medellín que “como escola recibimos continuamente demandas das empresas dun perfil de deseñador que teña un control importante da gráfica aplicada sobre moda”.
Un campus con semellanzas con Pontevedra
Do seu paso por este Simposio Internacional de Diseño Sostenible, co que a Institución Universitaria Pascual Bravo conmemoraba tamén o seu oitenta aniversario, Dopico pon tamén en valor a aposta “polo deseño e a innovación social” desta cidade colombiana. “Penso que como integrantes do Campus Crea, a oportunidade de ter presenza a través da moda nun simposio sobre deseño sostible nun campus tan parello ao noso, que aposta pola sustentabilidade e que está tamén destacado como Green Campus, foi certamente unha experiencia extraordinaria”, recoñece a directora de Esdemga do seu paso por un congreso que, engade, “estou segura que propiciará colaboracións futuras” e no que ademais de impartir unha conferencia titulada Deseño de moda contemporáneo, artesanía e tradición cultural. Experiencias de deseño consciente e sostible, tamén puido compartir talleres con alumnado e profesorado desta universidade colombiana.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.