Todo listo para o encontro de xornalistas “As mulleres que opinan son perigosas”

Case 200 persoas xa están inscritas para esta edición on line que reunirá desde este venres a oito mulleres referentes da opinión xornalística
Publicado por o día 25/06/2020 na sección de Deputación de Pontevedra

Co mesmo obxectivo que en edicións anteriores, a visibilización das mulleres xornalistas como formadoras de opinión, todo xa está listo para o arranque este venres, ás 17.00 horas, dunha nova edición de “As mulleres que opinan son perigosas“, edición que será on line nestes tempos de Covid, pero que contará con oito poñentes que reflectirán sobre as consecuencias da crise sanitaria no xornalismo, especialmente nas profesionais.

Promovido polas xornalistas Susana Pedreira e Diana López e cofinanciada un ano máis pola Deputación e polo Concello de Pontevedra, esta edición volverá a contar con mulleres referentes do panorama xornalístico galego e estatal. Entre a tarde deste venres e o sábado pola mañá, amais das organizadoras, participarán Claudia Morán e Tamara Montero de Xornalistas Galegas; Clara Jiménez de Maldita.es; Magda Bandera, de La Marea; Noemí López Trujillo de Newtral.es; Ángeles Caballero de El Confidencial, Onda Cero, La Sexta e 24 Horas; e as galegas Sara Vilas e Selina Otero de Diario de Pontevedra e Faro de Vigo.

O encontro comezará este venres ás 17 horas, se desenvolverá vía Zoom e poderá seguirse na web e nas redes Sociais da Deputación de Pontevedra. A presidenta provincial, Carmela Silva, xunto ao alcalde de Pontevedra, Fernández Lores e ás organizadoras asistirán ás xornadas de forma presencial desde un set no edificio administrativo que, amais, contará na súa estética con flores e plantas do Baixo Miño como mostra de apoio ao sector dos viveiros que sufriu de forma moi dura o peor momento da crise sanitaria. Ata o momento xa son case 200 persoas inscritas que poderán intervir na quenda de preguntas. As inscricións poden facerse a través das web oficiais de Deputación e do Concello de Pontevedra.

O encontro “As mulleres que opinan son perigosas”, que xurdiu en 2018 como resposta e en desagravio ao Congreso de Columnismo en León que se anunciou sen unha soa muller, converteu a Pontevedra nun referente con millóns de impactos. Nas súas edicións anteriores, reuniu a columnistas recoñecidas en todo o estado, entre elas xornalistas como Ana Pardo de Vera, Pepa Bueno, Elisa Beni, Ana Romaní, Gemma Herrero, Marta Sanz, Lorena Maldonado, Tati Moyano, Rosa Montero, Celia Blanco, Anais Bernal, Fernanda Tabares ou Anita Botwin.