Trescentas persoas participarán este próximo domingo na DepoAndaina por Salvaterra de Miño

A cuarta ruta do programa da Deputación, que esgotou as prazas antes de finalizar o prazo de inscrición, transcorrerá polo parque da Canuda e o paseo fluvial á illa de Fillaboa, no Baixo Tea
Publicado por o día 28/08/2019 na sección de Deputación de Pontevedra

Trescentas persoas participarán este próximo domingo na DepoAndaina por Salvaterra de Miño

A cuarta das sete DepoAndainas programadas este ano pola Deputación de Pontevedra, que terá lugar este domingo 1 de setembro, esgotou xa as 300 prazas postas a disposición de todas as persoas da provincia pola institución provincial. A maiores, o Concello de Salvaterra poderá ofertar outras 50 prazas adicionais.

As 300 persoas inscritas farán un percorrido que levaralles polo parque da Canuda e o paseo fluvial á illa de Fillaboa, no Baixo Tea. É unha ruta só de mañá e a Deputación de Pontevedra pon a disposición das persoas inscritas autobuses desde Pontevedra e Vigo (con saídas desde a praza de Galicia no primeiro caso e desde a praza de España da cidade olívica) para que poidan desprazarse ata o punto de encontro (o parque da Canuda, ás 10 da mañá).

As DepoAndainas, o programa de rutas que desenvolve a Deputación para fomentar hábitos de vida saudable e promover o turismo sustentable, entrarán logo na súa recta final. En setembro terá lugar o itinerario polo Bosque Encantado en Cangas e polas illas Cíes en Vigo e, xa en outubro, terán lugar as dúas últimas rutas, polo monte de Santa Trega na Guarda e os muíños do Folón no Rosal, e pola ruta da Pedra e da Auga de Ribadumia.