O Tribunal de Contas comunica á alcaldesa o arquivo da denuncia interposta polos concelleiros do Partido Popular por supostas irregularidades na xestión económica do Concello

Publicado por o día 27/01/2018 na sección de Galicia,O Porriño

O Tribunal de Contas comunica á alcaldesa o arquivo da denuncia interposta polos concelleiros do Partido Popular por supostas irregularidades na xestión económica do Concello

Tribunal de Contas vén de comunicar á alcaldesa do Porriño o arquivo da denuncia polas supostas  irregularidades na xestión económica financeira do Concello, remitida a este tribunal pola Fiscalía con data 24 de novembro de 2017, e que fora presentada polos concelleiros do Partido Popular na Corporación Porriñesa,  Manuel Alejandro Lorenzo, Carlos Manuel Martínez, María José Martínez, Iria Lorenzo, Ramón Porto, Ana María Martínez, José Carlos González e José Manuel Estévez.

A devandita denuncia fai referencia ás supostas irregularidades no expediente de recoñecemento extraxudicial de débeda por importe de 2.174.982,80€, incluíndo as facturas pagadas pola realización de rozados en camiños e estradas municipais e pola limpeza viaria, entre outros servizos prestados ao Concello, abranguendo aqueles feitos entre os anos 2013 e 2016, moitos deles contratados polo propio Partido Popular cando ocupaba o Goberno Municipal, e contra de cuxo pago votaron os seus concelleiros cando este expediente foi ao Pleno do Concello.


O Tribunal de Contas cando recibe a comunicación da denuncia, decide o nomeamento dun instrutor e antes de proceder ao mesmo pídelle á representación legal do Concello do Porriño que presente as súas alegacións.

As mesmas fainas, persoalmente, a propia alcaldesa, e á vista delas e da documentación aportada, o Tribunal considera que está plenamente xustificado o gasto e decide que non hai irregularidade algunha ao estar explicada perfectamente a falla de contratación destes servizos.

Finalmente, o Tribunal de Contas decide deixar sen efecto o nomeamento do instrutor e arquivar a denuncia, tal e como solicitara o Fiscal, no seu escrito de 16 de xaneiro de 2018 no que manifesta que examinadas as novas alegacións realizadas pola alcaldesa e a documentación entende “debidamente xustificadas a irregularidades sinaladas”.

Hai que lembrar que nas súas alegacións Eva García de la Torre– tal e coma fixo o pasado mércores, día 24 no Pleno extraordinario no que compareceu, a petición propia, para dar explicacións sobre hipotéticas ilegalidades na súa xestión, tamén denunciadas polos concelleiros do Grupo Municipal do Partido Popular- sinalaba que no caso da limpeza, coma na do rozado dos camiños, intentouse, en varias ocasións, a súa licitación.

A alcaldesa concluía no escrito presentado diante do Tribunal de Contas que esa era o motivo polo que “foron contratadas diferentes empresas” para que se fixeran cargo destes servizos, que “na zona rural son imprescindíbeis en canto á rozadura de camiños e beiravías, porque os mesmos fanse intransitábeis e coma medio para evitar os lumes”.