Turismo Rías Baixas reforza o seu liderado en distintivos “Q” con 10 oficinas e puntos de información certificados

Neste 2020 renovaron a distinción os sete que xa contaban con ela e incorporáronse as oficinas do Casal de Ferreirós de Poio, a de Nigrán-Dunas de Gaifar e a da Estrada
Publicado por o día 10/12/2020 na sección de Deputación de Pontevedra,Turismo

Turismo Rías Baixas reforza o seu liderado en distintivos “Q” con 10 oficinas e puntos de información certificados

Turismo Rías Baixas segue a reforzar o seu liderado en distintivos “Q” de calidade turística ao sumar xa un total de dez oficinas e puntos de información que contan coa certificación Q, conforme á norma UNE-ISO 14785 que concede o Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE). Deste xeito, os tres servizos de atención e información que xestiona Turismo Rías Baixas da Deputación de Pontevedra que xa contaban con este distintivo lograron renovalo este 2020, ao igual que as catro oficinas adheridas á Rede Info RíasBaixas, ás que se suman agora outros tres establecementos desta rede.

Máis polo miúdo, no caso dos servizos de Turismo Rías Baixas, contan co distintivo renovado a oficina central e os puntos de información turística do mosteiro da Armenteira e do aeroporto de Vigo. No caso da Rede Info Rías Baixas, acaban de acadar o certificado a Oficina de Turismo de Nigrán-Dunas de Gaifar, a Oficina de Turismo O Casal de Ferreirós de Poio e a Oficina de Turismo da Estrada, que se unen así aos outros establecementos que xa o tiñan acreditado: as oficinas de turismo de Caldas de Reis, Cangas-Casa da Bola, o punto de información da Illa de Arousa e a oficina de Baiona.

Hai que destacar que na auditoría deste ano, acadouse unha nota media global de 878 puntos sobre 1.000. O informe destacou seis puntos fortes dos servizos certificados: a revisión do sistema de calidade, a atención ás e os visitantes, o subministro de información para as e os visitantes, as fontes de información utilizadas polos e polas informadoras turísticas, os recursos humanos empregados, e na infraestrutura, instalacións e equipamentos. Ademais, a auditora puntuou cun notable alto ás demais categorías: o coñecemento e cumprimento da lexislación aplicable, a organización do sistema de xestión de calidade, a satisfacción dos e das clientas, a xestión da calidade, e as tecnoloxías de comunicación.

Así mesmo este ano as oficinas de Turismo Rías Baixas e as oficinas adheridas á Rede Info Rías Baixas enfrontáronse a un importante reto para implantar todos os protocolos hixiénico-sanitarios fronte á COVID-19, o que consolida unha garantía de calidade, seguridade e profesionalidade nos puntos de información do destino.

Pioneiras na certificación

Hai que lembrar que a oficina central de Turismo Rías Baixas e o Punto de Información Turística do Mosteiro da Armenteira foron as primeiras oficinas galegas en conseguir o distintivo “Q”, que recoñece a súa calidade e profesionalidade. Tres anos despois alcanzou a distinción o Punto de Información Turística do Aeroporto de Vigo, conseguindo así que todas as oficinas e puntos de información xestionados polo servizo de Turismo Rías Baixas da Deputación contasen coa “Q” de Calidade Turística.

Ademais, a institución provincial creou no ano 2018 a Rede de Oficinas de Turismo Info RíasBaixas baixo o obxectivo de coordinar e impulsar as accións de promoción do destino coa aposta por unha oferta turística de calidade mediante a unificación, fomento e seguimento da mesma. Na actualidade están adheridas 25 oficinas e puntos de información, e dúas están en trámite de facelo. Tal e como se establece na ordenanza reguladora desta rede, estes servizos poden beneficiarse tamén da obtención de distintivos de calidade, de xeito que xa nese mesmo ano lograron a “Q” as oficinas de turismo de Caldas de Reis e de Cangas-Casa da Bola. Ao ano seguinte certificáronse a oficina de turismo de Baiona e o punto de información turístico da Illa de Arousa, e neste 2020 accederon ás tres citadas de Poio, Nigrán e A Estrada.