Ultima semana para se inscribir na terceira edición do festival audiovisual infantil e xuvenil do Museo de Pontevedra

As pezas, que deben estar realizadas por escolares de 5º de Primaria ata Bacharelato, poderán entregarse ata abril e serán recoñecidas con premios e mencións por valor de 8.000 euros
Publicado por o día 16/01/2020 na sección de Deputación de Pontevedra

Ultima semana para se inscribir na terceira edición do festival audiovisual infantil e xuvenil do Museo de Pontevedra

As e os escolares que desexen presentar curtas á terceira edición do Festival audiovisual infantil e xuvenil do Museo de Pontevedra aínda están a tempo de facelo. A data límite para se inscribir é o vindeiro xoves 23 de xaneiro –aínda que a presentación das pezas poderá facerse ata o 23 de abril-, polo que aínda queda unha semana para presentar os papeis e poder optar a un dos premios e mencións especiais por valor de 8.000 euros que se repartirán entre as obras que mellor resalten o patrimonio cultural exposto no Museo.

Os audiovisuais poderán realizarse con cámaras, videocámaras, tabletas ou teléfono móbil, e deberán estar dirixidas, protagonizadas e realizadas exclusivamente por menores, non podendo durar mais de cinco minutos incluídos os créditos. O tema deberá ser o patrimonio cultural exposto no Sexto Edificio, edificio Sarmiento e Ruínas de San Domingos, ou a exposición ‘Galaicos, un pobo entre dous mundos’ dende a visión particular da infancia e a xuventude.

Existen catro grupos para participar no Festival ‘O Museo de Pontevedra en curtametraxes’: infantil, para alumnado que curse 5º e 6º de Primaria; benxamín, para alumnado que curse 1º e 2º da ESO; alevín: para alumnado que curse 3º e 4º da ESO; e cadete, para alumnado de Bacharelato, graos medios,e Formación Profesional Básica.

Entregaranse oito premios, dous por categoría xunto cunha mención especial, previa selección do xurado. Para a categoría Infantil o premio terá unha contía de 700 euros e o segundo premio de 400 euros; na categoría benxamín os premios serán de 800 e 500 euros; para os alevíns, 1.000 e 700 euros; e para os cadetes 1.500 e 1.000 euros. As mencións especiais para as dúas categorías das e dos máis pequenos serán de 200 euros, mentres que para as dúas de maior idade serán de 400 euros.

Aínda que as e os autores e protagonistas deben ser menores é obrigatorio que sexan as e os seus representantes legais, ou ben a Dirección ou Xefatura de Estudos dos seus centros de ensino, as que presenten as solicitudes de participación antes da data límite do vindeiro xoves. Cada participante ou grupo só poderá presentar unha curta e os centros de ensino só poderán presentar dúas curtametraxes por categoría.

Preferentemente, a solicitude de participación farase por medios electrónicos a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Deputación (https://sede.depo.gal) e a través da web do Museo (www.museo.depo.gal), especificando sempre a categoría na que se inscriben. Poderanse remitir as curtas mediante tres vías a elixir: enviando vía postal unha copia da curtametraxe e do formulario de solicitude á secretaría do Museo de Pontevedra; entregándoa directamente na secretaría do Museo; ou ben en liña, a través do correo-e ou WeTransfer ao enderezo curtas.museo@depo.gal.