Un grupo de adestramento da Policía Nacional foi rescatado ileso ao envorcar a súa embarcación no porto de Burela

Publicado por o día 20/01/2021 na sección de Sucesos

Un grupo de adestramento da Policía Nacional foi rescatado ileso ao envorcar a súa embarcación no porto de Burela

Unha embarcación de adestramento da Policía Nacional de Viveiro envorcou a pasada noite preto do porto de Burela, en Lugo.

Foron os propios axentes os que chamaron ao 112 Galicia para alertar do suceso mentres realizaban prácticas a cinco millas do porto de Celeiro.

Desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia, os feitos puxéronse en coñecemento de Salvamento Marítimo de Fisterra que, tras obter a posición da embarcación, mobilizou a Salvamar e o helicóptero Pesca II. Ademais, os xestores do 112 Galicia deron o aviso á Garda Civil de Lugo, aos membros de Protección Civil de Burela, aos profesionais do 061 e á Sala de Gardacostas de Galicia.

Finalmente, o persoal de Salvamento Marítimo remolcou a lancha policial cara ao porto de Burela sen a necesidade de mobilizar máis recursos de rescate.

Cómpre sinalar que no exercicio de adestramento policial estaban a  participar un total de 16 persoas en dúas embarcacións, das que só precisou auxilio unha na que tripulaban arredor de seis persoas.