Un programa de radio dá o pistoletazo de saída ao Musigal

Terá lugar o vindeiro venres nas Ruínas de San Domingos ás 18 horas e permitirase a presenza de público ata completar o aforo do recinto
Publicado por o día 22/05/2018 na sección de Deputación de Pontevedra

Un programa de radio dá o pistoletazo de saída ao Musigal

Baixo o título ‘Musigal na Onda‘ o músico e escritor Xurxo Souto conducirá un programa de radio ad hoc para presentar a listaxe definitiva de concertos que o Musigal levará por todos os concellos da provincia a partires do vindeiro 26 de maio e ata o 9 de decembro. Durante esta presentación, na que participarán grupos musicais e representantes das seis categorías do Musigal, tamén se incluirán actuacións e directo e permitirase a presenza de público con entrada de balde ata completar aforo. O acto comezará ás 18 horas e terá lugar nas Ruínas de San Domingos, aínda que, de manterse a previsión de chuvia, mudarase o emprazamento para o Pazo provincial.

Susana Seivane, De Vacas, Roi Casal, Gabi de Dakidarría, Rogelio Groba da Orquestra de Cámara Galega e Peter Punk e Brais das Hortas serán os encargados e encargadas de poñer a música en directo. Participarán ademais con entrevistas en directo nas que analizarán a necesidade de promover a música galega e en galego e facela accesible a todo tipo de cidadanía, superando as limitacións xeográficas e os condicionantes orzamentarios dos concellos da provincia. Ademais da visión dos propios músicos e músicas e dos seus representantes –tamén participará Patricia Hermida, representante de Susana Seivane, e un membro da nova directiva de Músicas ao Vivo-, farase pública a listaxe de concertos aprobados ao abeiro das bases que rexeron a convocatoria deste programa, e que deron como resultado un total de 67 concertos a cargo de 29 formacións musicais.

Hai que lembrar que o Musigal se inscribe no marco das accións do Ano da Lingua e que conta cunha dotación orzamentaria de 500.000 euros, co obxectivo de promover que os concellos da privincia poidan programar grandes actuacións musicais en galego do sector profesional. Para isto, o Musigal  contempla seis categorías, que atenden á promoción da igualdade de xénero coa categoría ‘Son muller’, na que participan grupos nos que polo menos o 60% das persoas integrantes e a vocalista son mulleres; á promoción de espectáculos para público infantil e familiar coa categoría  “Son crianza”; á música realizada por xente nova con “Son mocidade”, na que se dá cabida a grupos nos que polo menos o 60% das persoas integrantes son menores de 35 anos; á música tradicional galega coa categoría “Son tradición”; á música clásica con composicións de autores galegos na categorías “Son clásico”; é á música de estilos como o pop, rock, hip hop e música electrónica coa categoría “Son actual”.

As 67 actuacións concedidas serán cofinanciadas ente a Deputación e os concellos. O organismo provincial asumirá o caché do espectáculo do grupo ou artista, mentres que o concello aboará a produción da actuación: equipos de son, luz, escenario e demais medios necesarios para o desenvolvemento da actuación.