Achegar ao alumnado unha serie de nocións que lles permitan iniciarse na programación de microcontroladores é o propósito central do taller Desenvolvemento de proxectos de IOT e fundamentos de programación, que nestas semanas se desenvolve na Escola de Exeñaría Forestal. Inserido na programación de obradoiros da Vicerreitoría do campus para este segundo cuadrimestre, o taller que imparte o estudante deste centro Esteban Oubiña combina nese senso unhas primeiras leccións de programación cun traballo práctico que levará aos e ás participantes a programar e conectar á rede un microcontrolador capaz, por exemplo, de recoller datos de temperatura, humidade ou cantidade de luz dunha habitación.
“En lugar de traballar soamente con código, imos collendo diferentes supostos prácticos”, apunta Oubiña, quen dá continuidade con este taller de 30 horas ao obradoiro de iniciación ao Arduino desenvolvido o pasado curso. De feito, o traballo coas placas e o software libre de Arduino serán un dos eixos dun obradoiro que pon o foco nos microprocesadores que, como lembra Oubiña, están presentes hoxe en día en calquera tipo de dispositivo tecnolóxico. “Probaremos diferentes tipos de microcontroladores, ademais de Arduino, como Raspberry, un ordenador barato que no mundo maker estase utilizando para aplicacións dispares, porque ao final os fundamentos da programación son os mesmos”, engade o responsable dun taller que se desenvolve ata o mes de abril e que combina nas súas sesións unhas primeiras nocións sobre programación e sobre os múltiples recursos que existen na rede para este tipo de dispositivos cun traballo práctico de programación e posta en funcionamento de microcontroladores.
Controlados desde a rede
Partindo duns “exercicios básicos” dirixidos a probar estas tecnoloxías, outro dos obxectivos do curso é poñer o foco na idea da Internet Of Things (IOT), o “internet da cousas”, conectando estes microcontroladores á rede. “Imos montar unha rede wifi na aula para que se poidan conectar os aparellos e que nos permitan recoller información ou actuar sobre algo de maneira autónoma”, explica Oubiña, quen nese senso busca achegar ao alumnado recursos como servidores nos que rexistrar a información que van recollendo os diferentes sensores. “Ao final a idea é ter un controlador que poidamos manexar desde internet, que nos dea información a nós e nós a el”, engade Oubiña,
Do mesmo xeito, coa idea de que o alumnado poida abordar as múltiples posibilidades que implican este tipo de dispositivos, os exercicios predefinidos iniciais darán paso, nas seguintes sesións, á posibilidade de pensar e abordar posibles aplicacións que poida ser interese dos e as asistentes ao curso, entre os que figuran tanto estudantes de diferentes titulacións, “un bo número de Belas Artes, moi interesados no seu uso para o deseño de esculturas interactivas”, como docentes e persoas alleas á comunidade universitaria.
Obradoiros abertos a toda a cidadanía
Este taller insírese no programa de obradoiros, abertos ao conxunto da cidadanía, que a Vicerreitoría do campus impulsou para este segundo cuadrimestre, na que tamén figuran outra serie de propostas que manteñen aberta a súa inscrición, como Comunicación e linguaxe: Prepárate para a exposición en público, que terá lugar na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, ou Corpo, espazo e movemento na práctica artística, que se desenvolverá a partires do 27 de marzo Belas Artes. Así mesmo, tamén continúa aberta a inscrición no taller Comunícate coas mans II: Profundización na lingua e cultura, que arrincará en abril en Ciencias Sociais e da Comunicación, e nunha nova edición de Iniciación á escalada en rocódromo, en Ciencias da Educación e do Deporte.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.