Un total de 755 profesionais incorpóranse ao novo destino obtido no concurso de traslados aberto e permanente do Sergas

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a relación definitiva do ciclo de adxudicación deste proceso correspondente a este ano, o segundo dende a súa posta en marcha en 2017
Publicado por o día 27/09/2019 na sección de Sanidad

Un total de 755 profesionais incorpóranse ao novo destino obtido no concurso de traslados aberto e permanente do Sergas

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica, na súa edición de hoxe, unha resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se resolve, con carácter definitivo, o ciclo de adxudicación correspondente ao ano 2019 do concurso de traslado aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario sanitario e de xestión e servizos. Neste ciclo adxudícanse un total de 755 destinos.

Este é o segundo ciclo deste proceso de concurso aberto e permanente, posto en marcha por primeira vez a finais do ano 2017, que fai máis accesible o dereito á mobilidade do persoal estatutario fixo e, en consecuencia, a conciliación da vida laboral e familiar dos profesionais, posibilitando o cambio de destino cunha periodicidade mínima anual.

As listas coas puntuacións e destinos definitivos asignados atópanse publicadas, á disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde. Ademais, as persoas aspirantes poden consultar desde hoxe, no seu expediente electrónico persoal (Fides/expedient-e) o resultado da súa baremación no concurso e o destino definitivo asignado.

Por necesidades organizativas, e co obxecto de preservar o normal funcionamento das institucións sanitarias no proceso de incorporación dos profesionais como consecuencia da resolución deste proceso, os profesionais que estean a prestar os seus servizos no Sergas cesarán o primeiro día hábil seguinte á publicación desta Resolución no Diario Oficial de Galicia.

Prazos

A toma de posesión da nova praza debe efectuarse dentro dos tres días hábiles seguintes ao cesamento, se a praza desempeñada e a adxudicada son da mesma área de saúde; no prazo de quince días hábiles se as prazas son de distinta área de saúde dentro do Sergas, ou no prazo dun mes se a praza desempeñada corresponde a outro servizo de saúde.

Na categoría de médico de familia de atención primaria, e de conformidade coa previsión contida no artigo 30.4 do Decreto 206/2005, do 22 de xullo, de provisión de prazas de persoal estatutario dos servizos de saúde, o cesamento e a toma de posesión dos novos destinos adxudicados efectuarase de modo simultáneo á incorporación das persoas aspirantes seleccionadas no proceso selectivo para o acceso á condición de persoal estatutario fixo desta categoría.

Coa resolución deste proceso dáse cumprimento ao compromiso deste departamento sanitario de favorecer a conciliación da vida laboral e familiar dos seus profesionais, permitíndolles optar a novos destinos, dunha forma áxil, sen suxeición a prazos, mediante o emprego de medios telemáticos e cunha maior periodicidade na adxudicación de destinos.