Unha casa na fronteira, unha literatura en tránsito

Analizan a presenza dos fenómenos migratorios en textos narrativos, poéticos ou teatrais
Publicado por o día 12/09/2018 na sección de Universidade de Vigo

Unha casa na fronteira, unha literatura en tránsito

Con Portugal a 30 km e sendo tradicionalmente a porta de entrada e saída cara e dende América, poucos lugares eran máis acaídos ca Vigo para acoller un simposio sobre os fenómenos migratorios. Ese foi un dos puntos clave para que o grupo de investigación Elicin, da Universidade de Vigo, responsable da organización do XIII Congreso de la Asociación Española de Estudios Literarios Hispanoamericanos, elixise os fenómenos migratorios nos textos literarios como temática desta edición. Así, entre este martes e o vindeiro venres a Facultade de Filoloxía e Tradución acolle arredor de 200 especialistas de diferentes países de Europa, cunha ampla representación italiana, pero sobre todo de Latinoamérica, dende Brasil ou México, ata Uruguai, Arxentina, Chile, Venezuela ou Bolivia.

Ao longo das catro xornadas do congreso presentaranse 141 comunicacións que abordarán dende diferentes perspectivas “un dos grandes temas do noso tempo, as migracións, tan necesitado de reflexión crítica”, como explicaba Carmen Luna, profesora responsable do comité organizador, no acto de inauguración do simposio. A docente lembrou que a migración forma parte consubstancial da historia de Galicia e de Vigo, en particular, “unha cidade que ten sido ao longo dos séculos o punto de partida ou chegada dun eterno viaxe de ida e volta propio das migracións que estableceu profundos, complexos e tamén polémicos vínculos intercontinentais que aínda hoxe perduran e que a literatura recolle en todos os seus xéneros”.

Na súa intervención, Carmen Luna agradeceu o apoio da Universidade, do Concello, da Xunta e do Consello da Cultura Galega ao longo dos dous anos de preparación deste simposio internacional e engadiu que “comprender e analizar o fenómeno migratorio a través da literatura hispanoamericana permitiranos trazar liñas de conexión cos actuais fluxos migratorios aos que non debemos ser alleos”. Pola súa banda, a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, tamén reivindicou a memoria da migración, dos que marcharon e “dos fillos e netos que regresamos” e lembrou que “o 21% dos españois que viven no estranxeiro son galegos, así que, que mellor lugar para celebrar un congreso coma este?”.
No acto de apertura do congreso estivo tamén presente Vicente Cervera, presidente da Asociación Española de Estudios Literarios Hispanoamericanos, entidade fundada en 1992. Dende a súa creación celebran un congreso bienal, que se ten centrado en temas como as revistas literarias, o territorio da Mancha, a música e o folclore ou a insularidade. Xunto con eles, José Montero, director do Departamento de Literatura Española e o concelleiro de Facenda, Jaime Aneiros, tamén deron a benvida ao congreso aos participantes, xunto co decano do centro, Luis Alonso Bacigalupe, que lembrou que “vivir na fronteira significa aproveitar o mellor de cada lado, e os camiños de ida e volta representan unha retroalimentación continua”.

Globalización, fronteiras ou exilio

Ao longo das catro xornadas que dura o congreso desenvolveranse mesas redondas, conferencias e actividades culturais, “intercambiando ideas e perspectivas que nos sirvan para explicar un fenómeno tan consubstancial á humanidade como as migracións, e paradoxicamente tan estigmatizado”, remarca Luna. Entre os temas que se tratarán nas diferentes sesións destacan a desterritorialización e a literatura na era da globalización, a construción literaria das identidades en movemento, as migracións transfronteirizas, a experiencia migratoria nos xéneros biográfico e autobiográfico, a literatura transatlántica ou a literatura do exilio. “Fagamos ver á sociedade, a través das nosas achegas, o pensamento crítico das humanidades, a súa necesidade para construír un mundo máis solidario e respectuoso”, demandaba Luna.

A escritora e investigadora arxentina María Rosa Lojo foi a ponente encargada de abrir congreso, cun relatorio no que repasou a presenza da migración, das fronteiras e do exilio nas súas obras. Moitas destas referencias nacen da súa experiencia persoal como filla dun republicano galego pero nacida na Arxentina, que sempre sentiu como parte da súa historia estaba noutro lugar, algo que se filtrou a moitos dos seus personaxes. Xunto con ela intervirán en diferentes relatorios Gabriela Wiener, poeta, ensaísta e xornalista peruana; Carolina Espinoza, xornalistas e antropóloga chilena; Pilar Cagiao, historiadora galega experta en emigración; Mirta Yáñez, narradora, poeta e ensaísta cubana e Hugo Salcedo, dramaturgo e académico mexicano.