Preto de 20 especialistas e profesionais vinculados á industria do videoxogo tomarán parte os días 25 e 26 de outubro na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación nas seis mesas de debate que integran o programa da I Conferencia Internacional de Videoxogos e Publicidade. Abordar o poder comunicativo e persuasivo dos videoxogos é o eixo central dun foro que reúne a expertos e expertas de diferentes universidades españolas e portuguesas xunto con axentes da industria co propósito de analizar estes produtos interactivos desde unha óptica que “comezou a estudarse hai relativamente pouco”, como sinala a profesora Beatriz Legerén, responsable do comité organizador dun congreso, “aberto a estudantes de calquera ámbito” e que mantén aberto o seu período de inscrición.
Baixo o título de Comunicación e persuasión, a conferencia organizada polo grupo de investigación Comunicación Persuasiva 2, o grupo de innovación docente ComTecArt (Comunicación, Tecnoloxía e Arte) e a asociación científica Icono 14, co patrocinio da Universidade de Vigo, a Vicerreitoría do campus e o Consello Social da Universidade, busca pór o foco nas características dos videoxogos como soportes publicitarios mercados pola interacción co xogador ou xogadora, así como nas posibilidades que estes produtos supoñen desde o punto de vista do márketing e na capacidade de persuasión destes produtos.
Seis eixos para o debate
O catedrático da Universidad Complutense de Madrid Francisco García será o encargado de impartir a conferencia inaugural dun foro que, na primeira xornada abordará, a relación entre a publicidade e o videoxogo a través de tres mesas de debate. Na primeira, poranse sobre a mesa aspectos como o advergaming, “xogos que se utilizan como ferramenta publicitaria, e o emprazamento de produtos e marcas nestes produtos, coa participación da investigadora da Universidad de Valladolid Ana Sebastián, a profesional do desenvolvemento de videoxogos Olaia Ferrando e o guionista Jaime Martínez. A seguinte mesa porá o foco nos e-sports da man do investigador da Complutense e xornalista especializado neste eido Marcos Antón, o investigador da Universidade de Vigo Esteban Canle e Carmen Pumariño, directora de The Cloud Gaming, “a empresa máis importante de e-sports amateur de España”, explica Legerén. Por último, nesta primeira xornada afondarase tamén no potencial dos videoxogos como ferramenta de comunicación da man do coordinador do grao en videoxogos da U-TAD Javier Gayo, a investigadora desta universidade Mercedes García e o experto en localización e tradución de videoxogos Ramón Méndez, un dos impulsores do título propio de especialista en Tradución para a industria do videoxogo da Universidade de Vigo.
Os videoxogos como ferramenta de persuasión e comunicación serán, por outra banda, o eixo da segunda xornada, que contará na súa primeira mesa coa participación das investigadoras María Jesús Abad, da Universidad Rey Juan Carlos, e Lucinda Saldanha, da Universidade do Porto, así como do investigador da Universidade de Aveiro Nelson Zagalo, “especializados no estudo do uso de ferramentas interactivas como obxectos ou produtos persuasivos”, engade Legerén. Unha segunda mesa porá o foco na fase de creación dos xogos, “xa que un bo deseño da historia e das súas regras e mecánicas é a que che permite crear videoxogos que vaian moito máis aló do entretemento”, e nela participarán Evelio Sánchez e Rafael Tenorio, responsables dunha empresa de arquitectura especializada no deseño de escenografías para videoxogos; Josué Monchán, “o localizador de videoxogos en idioma castelán máis importante, que é tamén guionista e tradutor”, e a deseñadora de interfaces María Fernández.
Videoxogos desde unha perspectiva de xénero
Unha sexta mesa abordará a industria do videoxogo desde unha perspectiva de xénero, posto que “unha das características da industria é que o videoxogo sempre se ve desde unha perspectiva masculina”, sinala Legerén. Este debate contará coa participación da profesora María José Rosado, presidenta da Fundación para a Investigación Social Avanzada iS+D, da presidenta da asociación Women in Games España Gisela Vaquero e da investigadora da USC Silvia López.
Así mesmo, a conferencia verase precedida, o mércores 23, pola presentación na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do libro Feminismo del punto medio, por parte de Francisco García e María Jesús Redondo. Patrocinada pola Unidade de Igualdade da Universidade, a actividade, aberta a todo o público interesado, insírese nas actividades da “materia híbrida” sobre creación de videoxogos que o grupo ComTecArt desenvolve con alumnado de CCSS e da Comunicación e da EE de Telecomunicación, de tal xeito que “tomando como referencia o libro, vanlles contar ao alumnado que aspectos teñen conta para crear personaxes e facer neste caso videoxogos con perspectiva de xénero”, explica Legerén.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.