Unha exposición amosa como as cadeiras de rodas son tamén ferramentas para crear

Comisariada pola profesora de Belas Artes Loreto Blanco
Publicado por o día 17/09/2018 na sección de Universidade de Vigo

Unha exposición amosa como as cadeiras de rodas son tamén ferramentas para crear

“Por que non pintades coas vosas cadeiras de rodas?”. Esta foi a proposta que Ester Gandía e Yoshimar Tello trasladaron en 2015 aos usuarios e usuarias do centro de Amencer-Aspace en Pontevedra no inicio dun taller inserido no programa de voluntariado que Belas Artes desenvolve con diferentes colectivos. A idea dos por aquel entón estudantes da facultade foi tamén o punto de partida de El arte de nuestras huellas, a exposición comisariada pola profesora e coordinadora deste programa de voluntariado, Loreto Blanco, que reúne na sede da Fundación Barrié na Coruña unha serie de obras pictóricas creadas polos usuarios e usuarias deste centro valéndose das súas cadeiras de rodas como ferramentas para a creación.

“O primeiro cadro que pintamos coas nosas cadeiras marcou un antes e un despois para todos nós”, salientan desde Amencer-Aspace no texto de presentación dunha exposición integrada por dous cadros de grandes dimensións, Cruzando charcos e El arte de nuestras huellas, xunto con tres pezas de medio tamaño; Radar embotelladoEl rastro del soplo Constelación multicolor, “cuxos títulos dan pistas sobre as técnicas utilizadas”, e unha serie de 13 obras de pequeno formato que forman parte dunha serie denominada Huellas. Todas elas, obras realizadas polos usuarios e usuarias do centro no que Amencer-Aspace presta asistencia a persoas con parálise cerebral e trastornos neuromotores diversos en Pontevedra valéndose das súas cadeiras e de diferentes adaptacións.

Unha liña de traballo que continúa

A experiencia co voluntariado de Belas Artes foi tamén o punto de partida dun taller de pintura a cargo da monitora do centro Rosa Domínguez que “segue evolucionando día a día”, segundo explica Amencer-Aspace, desde onde destacan que “a cadeira e as súas rodas manchadas de pintura pasaron a ser a metáfora de moitas cousas para Amencer e máis en concreto para os mozos que acoden ao seu centro de día de Campolongo”. Unha liña de traballo na que contaron tamén co asesoramento de Loreto Blanco, que explica que “a partires desas experiencias estivemos vendo novas posibilidades de traballar coa roda e eles continuaron desenvolvemento ferramentas a partir do que os alumnos lles amosaron”, á vez que destaca a “forza de cor e materia” e as “imaxes de gran fluidez” marcadas por “grandes contrastes de cor e xestos”, que os usuarios e usuarias de Amencer achegaron á exposición que o pasado xoves 17 inauguraban xunto á directora da Fundación Barrié, Carmen Arias, e a xerente de Amencer-Aspace, Mónica Touriño, e que poderá visitarse ata o 7 de outubro.

Os froitos dun enriquecemento mutuo

“Este camiño a través da arte ensinounos a dar un valor especial ás capacidades desde a discapacidade”, salienta Touriño dunha iniciativa na que “a pintura coa cadeira recórdanos que cada un vai trazando o seu camiño á vez que vai deixando unha pegada na dos demais”. Pegadas como ás que deixou neste centro o alumnado de Belas Artes, co que, engade, “descubrimos que a arte é o caldo de cultivo ideal para expresarnos, para ser e estar na sociedade, independentemente das características individuais de cada un”. Nese mesmo senso, tamén Blanco pon o acento en como os usuarios e usuarias de Amencer “absorben con moitísimo interese as propostas que desde Belas Artes se lle ofrecen, ampliándolles os seus modos de acceder á creatividade desde as súas especiais capacidades, así como incrementando as súas posibilidades de interacción con materiais novos, facéndolles descubrir novas vías de expresión”. Pero á súa vez, a coordinadora deste programa de voluntariado tamén incide no enriquecedoras que estas iniciativas resultan para o alumnado, que ten a “oportunidade de vivir de preto unha colaboración profesional nun centro con particulares demandas profesionais”, no que deben deseñar e levar á práctica un taller que supón tamén “unha primeira experiencia docente”, que lles achega así mesmo “moita gratificación e satisfacción persoal”.