Os servizos sanitarios de urxencia desprazaron ata a zona da Fervenza da Auga Caída, no concello lucense de Pantón, ao helicóptero medicalizado con base en Santiago para atender a unha muller que resultou ferida ao precipitarse nunha zona de difícil acceso.
Segundo a información facilitada polo particular que chamou ao 112 Galicia ao fío das 17:30 horas desta tarde, a muller necesitaba auxilio pois, debido ás lesións sufridas, non era quen de abandonar o lugar polos seus propios medios.
Ao tratarse dun lugar onde o acceso directo por terra facíase complicado para os equipos de intervención, activouse un operativo que contou coa intervención dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Monforte e tamén os axentes da Garda Civil.
Rescate dun pescador en Xove
Por outra banda, un home que pescaba na zona de Portocelo, no termo municipal lucense de Xove, resultou ferido esta tarde ao caer nunha zona acantilada e de difícil acceso.
Tras ser avisados polos axentes do 112 Galicia, ata o lugar desprazouse o helicóptero do Servizo de Gardacostas de Galicia, o Pesca II, que rescatou ao pescador e o trasladou ata o areal, onde unha ambulancia dos servizos sanitarios de urxencia o agardaba para efectuar a súa evacuación ao centro hospitalario de referencia.
Os feitos tiveron lugar ao redor as 18:45 horas e ata o punto desprazáronse tamén os membros de Salvamento Marítimo, os Bombeiros de Viveiro, o GES de Cervo e os axentes da Garda Civil. Desde o 112 tamén pasouse aviso aos voluntarios de Protección Civil da localidade por se fose necesaria a súa colaboración.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.