Unha nova achega de ‘reseñas’ pon o foco na era dixital

A obra proposta é ‘El filtro burbuja, cómo la red decide lo que leemos y lo que pensamos’
Publicado por o día 13/12/2018 na sección de Cultura,Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Unha nova achega de ‘reseñas’ pon o foco na era dixital

Este mes o libro escollido en reseñas, actividade da biblioteca universitaria de Torrecedeira que pretende estimular a curiosidade e a inquietude pola lectura e a actualidade, é El filtro burbuja, cómo la red decide lo que leemos y lo que pensamos (Taurus, 2017). Esta obra escrita por Eli Pariser, un coñecido ciberactivista, comentarista e articulista estadounidense, comeza coa explicación dos cambios no algoritmo de Google no 2009, cando o buscador empezou a personalizar os seus resultados para cada usuario.

Neste contexto, o autor acuña no libro o termo ‘filtro burbulla’ como o resultado das pescudas personalizadas en internet. Nestas buscas, o algoritmo dunha páxina web selecciona, a través de predileccións, a información que ao usuario lle gustaría ver tendo en conta información persoal como a localización ou o historial de pescudas e, como resultado, os usuarios comezan a afastarse da información que non coincide cos seus puntos de vista, illándoos en burbullas ideolóxicas e culturais propias do usuario. Tras a lectura desta obra, o técnico especialista da Biblioteca de Torrecedeira, Aser Fernández Rey, afirma “Pariser cre que debemos esixir ás empresas que nos permitan exercer un verdadeiro control sobre a nosa información persoal e que a forza da lei ou a creación de novos organismos poden e deben protexer tanto a información persoal como os nosos dereitos”.

Como a rede decide o que a sociedade le e pensa

Ao abeiro desta nova edición de reseñas, a biblioteca organizou tamén unha exposición, O poder da informaciónOs datos son o petróleo do século XXI, na que se presenta unha selección multidisciplinar de máis de 40 volumes das distintas bibliotecas da Universidade de Vigo que abordaban temas directamente relacionados coa actualidade e co libro de Eli Pariser.

O recuncho de reseñas conta con expositores e instalacións explicativas nas que se poden ver libros, imaxes de actualidade, pancartas… relacionados coa temática do mes “para ambientar o lugar e chamar a atención de toda a comunidade universitaria, xa que é unha biblioteca moi concorrida por estudantes de diferentes titulacións”, afirma Fernández Rey. Neste sentido, dende a biblioteca salientan que a exposición previa tivo unha gran acollida, “a xente colleu tal cantidade de libros que tivemos que facer préstamos dos volumes da propia exposición”, explica o especialista do centro.

Ademais deste espazo físico, a biblioteca promove tamén numerosas actividades en diferentes redes sociais como Twitter Instagram. Os encargados da promoción da biblioteca nas redes sociais así como da organización desta actividade son os propios traballadores da biblioteca e o seu obxectivo non é outro ca “estimular a curiosidade e a inquietude pola actualidade, a investigación e a cultura a través dos libros”, apunta o bibliotecario.

Novos títulos para 2019

reseñas.3 continuará en 2019. Para o mes de xaneiro está prevista a obra En defensa de la conversación: el poder de la conversación en la era digital, un estudo sobre as inquietantes consecuencias da cultura dixital en diferentes aspectos da vida como a educación, a contorna profesional, as relacións sentimentais ou a política. No mes de febreiro o título escollido é Instrumental, as memorias do propio escritor, James Rhodes, que viron a luz no Reino Unido tras levantar o veto que pesaba sobre a obra, todo un tributo ao poder terapéutico da música e que aborda cuestións sobre como funciona a música clásica e o seu poder para cambiar as vidas. Co gallo do día da muller, en marzo proporase o volume Una interpretación feminista del capitalismo patrimonial, de Heather Boushey dentro do volume Debatiendo con Piketty. La agenda para la economía y la desigualdad.