Como cada ano, a Delegación de Alumnado da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía organiza un programa de eventos na honra a súa patroa, Santa Bárbara. Pero para a edición deste 2018, o estudantado deseñou un programa máis amplo, un ‘Mes Cultural’, que botou a andar este mes e se estenderá ata finais de novembro. Trátase dunha serie de actividades que inclúe, por unha banda, un ciclo de conferencias e, por outra, a tradicional festa popular e as actividades deportivas, coa IX edición da carreira de Santa Bárbara como reclamo principal. Segundo explican dende a Delegación de Alumnado, todos estes eventos están deseñados pensando na comunidade universitaria en xeral, pero especialmente no eido da enxeñaría, buscando a participación de todos e todas en actividades fóra das aulas.
Un ciclo de conferencias que promove a divulgación
A parte central do Mes Cultural é un ciclo de relatorios no que se abordan temas de actualidade e de especial interese para o alumnado da escola. Este martes a convidada foi Teresa Vilas, profesora do Departamento de Enxeñaría dos Recursos Naturais e Medio Ambiente, que ofreceu un relatorio sobre a conservación do granito como rocha ornamental no patrimonio construído. Esta docente súmase así ao conxunto do profesorado encargado de abordar temas de grande interese para calquera tipo de público, pero máis aínda para o propio alumnado da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, posto que “intentamos escoller temas interesantes para nós, como alumnado de Enxeñaría que somos, pero tamén que abarcasen un espectro de público o máis amplo posible, facendo accesibles e interesantes as conferencias para todo o mundo”, aclara Jesús Rico, secretario da Delegación de Alumnado.
Este ciclo arrancou o 17 deste mes coa intervención de David Patiño, investigador do Departamento de Enxeñaría Mecánica, Máquinas e Motores Térmicos e Fluídos, cun relatorio sobre o escándalo do dieselgate de Volkswagen. Nas próxima semanas continuarán as ponencias, a próxima o día 7 de novembro da man de Susana Lagüela, que falará sobre o mapeado enerxético para unha rede de recursos distribuídos baseado en enerxías renovables. O programa continuará o día 14 do mesmo mes cun relatorio sobre os tratamentos para a conservación da rocha ornamental que impartirá Iago Pozo e, Ivan Garrido será o encargado de pechar o ciclo cunha charla que versará sobre a termografía infravermella para a xestión dos recursos mineiros e enerxéticos o 19 de novembro.
Deporte e convite como broche final ao mes cultural
A parte máis lúdica da celebración de Santa Bárbara comprende actividades festivas e deportivas, a máis tradicional delas, a clásica Carreira Popular de Santa Bárbara, que acada a súa novena edición o próximo día 30 de novembro nas instalacións deportivas da Universidade. Este evento deportivo ten un límite de 150 prazas e a inscrición pódese realizar a través de DeporXest, a plataforma de deporte da UVigo. Esta cita ten tamén unha vertente solidaria coa recollida de alimentos. Como explica Rico, “solicitamos 1 kg de alimentos non perecedoiros na inscrición para a carreira”, que terá un percorrido total de 5 km que transcorrerán entre a pista de atletismo e o circuíto de terra adxacente do campus. Na entrega de premios desta competición, entregaranse tamén os galardóns aos equipos gañadores dos torneos de fútbol sala, baloncesto, voleibol e tenis de mesa, que se desenvolverán os días 28 e o 29. Por outra banda, o día 29 a delegación organiza unha xornada festiva, con churrascada e festa en directo, no aparcadoiro do Edificio Fundición.
Unha delegación renovada
Na organización de Santa Bárbara traballa parte do alumnado da escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, en concreto 15 persoas, que compoñen a Delegación de Alumnado. Convocan reunións constantes para avanzar en conxunto e que esta celebración poida saír adiante. Este grupo, completamente renovado o ano pasado, comezou a esbozar as ideas para a gran festa a inicios de ano pero “o feito de non contar con ningunha persoa veterana no grupo para guiarnos fixo que nos custara aprender a empregar todas as ferramentas para poñer isto en marcha, polo que se podería dicir que o traballo de verdade comezou contra finais do curso pasado”, sinala o secretario da delegación.
Para poder poñerse mans á obra co desenvolvemento das actividades, marcáronse unha serie de obxectivos que pasaban por achegar ao estudantado da escola e da Universidade unha serie de actividades diferentes, atractivas e dinámicas, para reivindicar a participación en máis actividades fóra das aulas, tanto no referido á aprendizaxe mediante conferencias e posteriores quendas de preguntas como no eido deportivo, onde a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía sempre foi un referente na Universidade de Vigo.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.