Unha programación “de altura” para celebrar o patrón de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo

Están abertas a todos os membros da comunidade universitaria
Publicado por o día 17/09/2018 na sección de Universidade de Vigo

Unha programación “de altura” para celebrar o patrón de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo

Cando no curso académico 2016/2017 abriu as súas portas a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo no campus de Ourense unha das tarefas que acometeu o alumnado da súa primeira promoción foi elixir un patrón para o centro. Por votación, o personaxe escollido foi o aviador Joaquín Loriga Taboada e o día o 23 de setembro. Para a súa celebración este ano, centro e alumnado desenvolverá unha ampla programación do 19 de setembro ao 1 de outubro.

programación, explican as e os seus promotores, segue a liña aberta o pasado curso de organizar tanto actividades formativas como lúdicas, aínda que nesta ocasión ampliando o abano de actividades. Dado que o día 23 de setembro é este ano domingo, o día festivo do centro trasládase ao día 21. “As actividades de San Aero, que é como lle chamamos nós de xeito máis publicitario ao patrón, estarán abertas a todo o alumnado e profesorado do campus, non só ao do centro”, explican Raquel Ardao e Cristina García, dúas das persoas que participan na organización. Especialmente, apuntan, están destinadas a estreitar os lazos entre o alumnado das tres promocións que actualmente estudan na súa escola, facendo fincapé na oportunidade que brindan estas actividades aos estudantes de primeiro curso de coñecer aos seus compañeiros e compañeiras de titulación.

Desde baloncesto a voo de helicópteros

A celebración inclúe deportes, físicos e virtuais, e a varias actividades relacionadas directamente co Grao de Enxeñaría Aeroespacial. Así, as actividades arrancarán o mércores 19 de setembro no pavillón do campus de Ourense coa celebración dun torneo de baloncesto 3+1 e seguiralle o xoves unha festa co DJ Nicky na zona do estanque. Un dos pratos fortes da programación de San Aero chegará o venres, día 21, cando ás 12.00 h, o campo de fútbol-rugby universitario recibirá a visita do helicóptero da Dirección Xeral de Tráfico que traballa no noroeste peninsular. A súa aterraxe no campus permitirá ás persoas interesadas coñecer de man dos seus pilotos as características e funcionalidades desta nave. “Pensamos que sería moi interesante ver de primeira man como opera un helicóptero deste tipo e os seus sistemas”, comentan desde a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo.

A segunda semana de celebracións arrancará o luns 24 cun torneo do videoxogo Fornite no propio centro e continuará o mércores 26 cun torneo de fútbol sala 5+1 no pavillón universitario. Xa por último, e como peche a esta programación, o luns 1 de outubro tamén o campo de fútbol-rugby do campus de Ourense acollerá ás 16.00 h unha Xornada de Aeromodelismo e Drones na que o alumnado da Escola de Enxeñaría Aeroespacial e as persoas interesadas terán a oportunidade de coñecer in situ as características dalgúns destes aparellos e do seu voo. Segundo explican desde o centro xa está confirmada a participación da Asociación de Aeromodelismo de Ourense, que fará unha demostración de montaxe e voo de aparellos, e de empresas como Aeromedia, Aerialworks e Laddes Works. Esta última, apuntan, traerá ao campus o helicóptero de pequeno tamaño que están a desenvolver no Parque Tecnolóxico de Galicia. “Será moi interesante ver a tecnoloxía que están a desenvolver ou aplicar estas empresas”, apuntan por  último desde a escola universitaria.