A creación dun protocolo de implantación do programa iSharkFin en países emerxentes centra a reunión que ata hoxe celebra a FAO (Food and Agriculture Organization of the United Nations) en Vigo e na que participan unha vintena de investigadoras e investigadores procedentes de Australia, Ecuador, Emiratos Árabes, Indonesia, Irán, Italia, Malaisia, Nixeria, Paquistán, Sri Lanka e Taiwán. “O obxectivo principal é crear un protocolo de implantación en países emerxentes onde a pesca de tiburóns é moi importante e existen dificultades para o control da pesca ilegal de especies protexidas”, explica o catedrático do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo Cástor Guisande, promotor do método iSharkFin de identificación de especies de tiburóns a partir das súas aletas.
Desde que Guisande recibise hai seis anos o encargo da FAO de desenvolver un método destinado a evitar a pesca de especies protexidas, iSharkFin utilízase a día de hoxe e por recomendación da FAO en todo o mundo, para a identificar preto de 40 especies. Fronte á implantación do programa en países non emerxentes, “onde está resultando relativamente doado pola infraestrutura e loxística existentes”, Cástor Guisande recoñece que a súa posta en servizo en países emerxentes, onde nalgúns casos a pesca de tiburón é moi importante, implica “moitos problemas técnicos, burocráticos, loxísticos, etc… que dificultan a súa implantación e, de aí a necesidade de buscar estratexias que faciliten o uso do programa e sexa posible institucionalizalo dentro dos protocolos destes países”, sinala o docente e investigador da Universidade de Vigo.
Recoñecemento da FAO ao traballo realizado na Universidade
A celebración desde o luns ata hoxe da reunión na que se elabora o protocolo para implementar o programa en máis países e na que se establecerá o mecanismo para a recepción de novas especies e fotos de aletas de especies da área de influencia dos países participantes, é considerada por Guisande como “un recoñecemento de FAO ao papel realizado pola Universidade en todo o proceso”.
En canto aos retos futuros que enfronta iSharkFin, ademais de estendelo “a un maior número de países, está incluír máis especies que se poidan identificar e mellorar o grao de identificación incluíndo máis individuos de diferentes zonas do mundo na súa base de datos”, detalla Cástor Guisande. iSharkFin importa a fotografía da aleta de tiburón que se quere identificar e toma uns puntos de referencia, cos que o programa aplica un algoritmo de identificación e o resultado é o nome da especie cunha probabilidade de pertenza á mesma.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.