Unha ruta para gozar do outono “en estado puro”

A actividade terá lugar o sábado 16 de novembro
Publicado por o día 07/11/2019 na sección de Galicia,Ourense,Universidade de Vigo

Unha ruta para gozar do outono “en estado puro”

Unha ruta para gozar “do outono en estado puro” e para coñecer o Camiño Miñoto Ribeiro a Santiago de Compostela. Así se presenta a segunda andaina universitaria que este curso académico se organiza no marco da programación de rutas culturais da Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo. A cita terá lugar o sábado 16 de novembro e a ela poden apuntarse membros da comunidade universitaria e persoas alleas a ela.

Cunha dificultade baixa-media e 16 quilómetros de percorrido, o itinerario que se realizará será Museo do Viño de Galicia, en Ribadavia; balneario de Berán; ermida de San Roque; Lebosende; Pazos de Arenteiro e Adega Señorío de Beade. “O percorrido é moi diverso, con paisaxe de monte, viñas, río, sendeiros… é todo unha explosión de cores. Faremos unha ruta moi bonita e moi interesante”, comenta José García-Calvo, Willy, coordinador destes roteiros desde o campus de Ourense. Os nove primeiros quilómetros, indica, serán de subida e os restantes de baixada, podendo ao longo do traxecto gozar “de como está o campo, as viñas, as incontables cores do outono… un auténtico espectáculo”. Ademais, destacan desde a organización, a andaina, que leva por título Camiño da Geira Miñoto Ribeiro, conta co engadido de que comezará e rematará nunha bodega, achegándose as e os asistentes ao mundo do viño, neste caso do Ribeiro.

A ruta tamén permitirá contribuír a dar a coñecer un dos camiños máis antigos que ían a Santiago de Compostela, o Camiño Miñoto Ribeiro. Así, a andaina contará coa participación de membros da Asociación Camiño Miñoto Ribeiro, con Abdón Fernández, o seu presidente, á cabeza, que enriquecerán coas súas explicacións o percorrido, que dá continuidade ao que procede de Braga, en Portugal, destino a Santiago de Compostela.

Inscrición

A inscrición en cada ruta está aberta de xeito exclusivo para a comunidade universitaria ata o luns anterior a cada andaina. No caso de quedar prazas libres, o martes, mércores e xoves anteriores a cada roteiro abrirase a inscrición a calquera persoa interesada. Os prezos oscilan segundo o tipo de colectivo de pertenza, habendo a posibilidade de adquirir bonos. Cada ruta realizada recoñecerase con 7,5 h ECTS por día de duración e haberá autobuses para trasladar ás persoas participantes ao inicio de cada itinerario dende os campus de Ourense, Pontevedra e Vigo.

Comentar noticia

Your email address will not be published.