Unha viaxe por Xapón co cómic e a animación como referencias

Trátase da primeira publicación en castelán especializada neste eido
Publicado por o día 31/01/2019 na sección de Galicia,Pontevedra,Universidade de Vigo

Unha viaxe por Xapón co cómic e a animación como referencias

Polas súas amplas tiradas e seguimento, o manga e o anime, o cómic e a animación xaponesa, constitúen dous importantes elementos da cultura popular neste país e tamén un motor para a atracción de turismo de crecente importancia, como sinala o investigador da Facultade de Belas Artes José Andrés Santiago, quen xunto ao profesor da universidade británica de Hull Manuel Hernández-Pérez coordina Japón para otakus, a primeira publicación especializada en turismo otaku (persoas afeccionadas ao cómic e á animación xaponesa) que se edita en castelán. “É unha guía de viaxes, pero ao mesmo tempo é tamén un libro informativo, de divulgación”, que pretende achegar “unha reflexión sobre as diferentes facetas do mundo do manga e o anime e de como ambos transcenden á realidade dos seus respectivos medios para instalarse como unha parte máis ampla e profunda da sociedade xaponesa”, sinala este investigador do grupo dx5 (digital  & graphic art research) dunha publicación que reúne información de máis de 40 puntos de interese para afeccionados e afeccionadas, nun percorrido polas diferentes rexións do país.

Publicado por Diabolo Ediciones, Santiago e Hernández-Pérez contaron para a elaboración desta guía coa colaboración dos expertos no cómic e animación xaponesa Marc Bernabé, Luca Paolo Bruno, Oriol Estrada, Antonio Loriguillo-López Carlolina Plou, Victor Sellés e Alberto Villar Gómez. Valéndose dun código de cores para diferenciar as diferentes zonas do país e doutro alfabético para identificar a tipoloxía do espazo a visitar, Santiago e Hernández-Perez reuniron nesta guía información sobre museos, parques, estatuas, espazos públicos ou tendas e restaurantes nos que manga e anime teñen unha importante presenza. En total, 45 localizacións diferentes reúnense nun libro que estrutura os seus capítulos a partires de seis rexións históricas do Xapón, Chugoku, Chubu, Tohoku, Kanto, Kansai, Kyushu. “Pareceunos máis lóxico utilizar estas rexións, que non teñen ningún tipo de réxime legal ou administrativo, porque tamén é a forma na que a xente soe organizar as súas viaxes a Xapón”, sinala Santiago dunha publicación que nese senso vai máis aló dos puntos que concentran un maior turismo, como as cidades de Tokio e Kyoto, para trazar un percorrido por todo o país.

“Peregrinacións mediáticas”

Esta vontade de abarcar todo o Xapón fai, como recoñece Santiago, que esta guía sexa unha publicación única en castelán. “En inglés si existen guías parecidas, pero enfocadas case sempre sobre Tokio”, sinala o coautor desta publicación que ademais de “reivindicar tamén outras localizacións”, suma ao tipo de informacións que recollen outras publicacións centradas neste ámbito unha serie de “rutas de peregrinación mediática” en cada unha das rexións. “Este é un fenómeno estendido, a xente vai visitar os escenarios onde se rodou Xogo de Tronos ou O Señor dos Aneis”, lembra Santiago que incide en que, no caso do cómic e a animación xaponesa, “moitas das historias que a xente adora sucederon en localizacións reais, aínda que, evidentemente, fosen debuxadas”. Así, esta publicación permite a afeccionados e afeccionadas “facer as súas propias rutas deambulando polas cidades e polas vilas” a través da identificación dunha serie de puntos de interese que fan posible, por exemplo percorrer, na rexión de Kantō, os escenarios reais que inspiraron obras como a premiada película de animación Your Name, de Makoto Shinkai.

Un tipo de turismo en crecemento

“O manga e o anime son algo omnipresente en Xapón”, salienta Santiago de dúas manifestacións “que penetraron en todos estratos da sociedade xaponesa e que afectan a outro tipo de manifestacións, como o cine, a modo ou o deseño” e ás que “ata finais do século XX non se lle daba ningunha importancia” nas estratexias turísticas. Mais, nos últimos anos “tomouse conciencia de que era algo que non interesaba só a nivel local, da relevancia que teñen o manga e o anime fóra do seu país”, e polo tanto do seu valor á hora de “atraer un público específico”, apunta Santiago, que lembra nese senso a súa propia experiencia cando, en 2006, realizou unha estadía como investigador en Xapón, na que “dicir que estaba estudando manga e anime soaba como unha rareza”, comparándoa coa realidade que atopou unha década despois cando, como investigador posdoutoral, realizou unha estadía de dous anos na Universidade Seika de Kyoto, sede da primeira facultade de manga do país e do Manga International Research Centre. Nese senso, Santiago, que centrou a súa tese de doutoramento, Del cuadro flotante a la viñeta japonesa, na influencia do manga na arte contemporánea, recoñece que a pesares de que esta foi unha “obra divulgativa, realmente a miña investigación académica impulsou tamén este proxecto, ao igual que este proxecto reactivou a miña investigación” no grupo dx5, que, de feito, desenvolve desde 2017 un proxecto de investigación, financiado polo Ministerio de Economía, centrado, entre outros aspectos, no “cómic de campo expandido” e na animación.