Despoboamento do rural, abandono dos usos tradicionais, monocultivos, especies invasoras, diminución da gandaría… Son moitas as ameazas que sofren os montes galegos e moi graves tamén as consecuencias, como os lumes forestais que se producen cada verán. Para reverter esta situación e buscar aproveitamentos alternativos a Facultade de Bioloxía acolle este mes de setembro as xornadas A outra cara do monte, unha cita prevista para os días 18 e 19 de setembro que contará coa participación de representantes de mancomunidades e propietarios de montes de Galicia así como de persoal investigador e estudantes e aberto á cidadanía en xeral.
Detrás desta iniciativa está o Laboratorio MicoUvigo e a Facultade de Bioloxía, xunto coa spin-off MycoGalicia e co apoio do Consello Social. A finalidade é poñer en común experiencias positiva na procura dun mellor aproveitamento do monte e, ao tempo, converter esta cita nun eixo de formación e de reflexión sobre as alternativas para a contorna forestal e o futuro do rural galego.
Na procura de novos usos e dun desenvolvemento multifuncional
A conferencia de apertura correrá a cargo do director da Escola de Enxeñería Forestal Juan Picos, que abordará a situación actual do monte galego e do sector forestal, destacando as principais problemáticas e avances acontecidos nos últimos anos así como as implicación das universidades a través de proxectos de investigación.
O programa permitirá ás persoas asistentes coñecer, por exemplo, a economía ecolóxica e o seu impacto no rural, da man do investigador da Universidade de Vigo Damián Copena e tamén experiencias como a do Concello de Allariz, que presentará casos de éxito a partir dos recursos forestais nunha Reserva da Biosfera da Unesco. Na primeira xornada tamén achegará a súa experiencia a comunidade de montes veciñais en mancomún de Teis, que presentará a súa experiencia da xestión forestal e social dunha comunidade considerada pola ONU como “área conservada por comunidades locais” grazas á xestión e protección da biodiversidade.
Xa pola tarde Iria Villar, investigadora do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal, falará sobre a compostaxe como ferramenta para dar unha saída aos residuos verdes do sector agroforestal. Tamén participan nesta sesión a sociedade cooperativa Amarelante, que falará sobre as potencialidades deste tipo de figura empresarial e sobre súa bagaxe na recuperación de soutos abandonados para a produción da castaña. Pechará a xornada da tarde Uxío Pérez, da Mancomunidade de Montes de Vigo, para afondar na situación e retos do monte periurbán tras as vagas de lumes dos últimos anos e as posibilidade existentes para dotar ao monte dun uso social. Todos os poñentes participarán no peche desta primeira xornada nunha mesa redonda na que confrontarán visións e achegarán propostas.
A segunda xornada terá un carácter máis práctico e dinámico, cunha saída de campo por un monte comunal da man da CMVMC de Couso pola mañá e un relatorio de Serafín González, do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia sobre os lumes en Galicia, os impactos que causan, os factores clave e as medidas de xestión do monte. O último tramo está reservado para un workshop sobre aproveitamentos alternativos, que pasan por unha banda polos usos turísticos e sociais, por outra polos usos os forestais e agrícolas e tamén pola conservación da biodiversidade, para contribuír a través destas diferentes vías ao desenvolvemento sostible e multifuncional do monte.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.