Unhas xornadas afondarán no dereito ambiental e xestión de recursos hídricos e mariños

A Facultade de Dereito tamén acollerá unha conferencia sobre o Instituto de Medicina Legal
Publicado por o día 31/10/2019 na sección de Galicia,Ourense,Universidade de Vigo

Unhas xornadas afondarán no dereito ambiental e xestión de recursos hídricos e mariños

O vindeiro 8 de novembro a Facultade de Dereito do campus de Ourense acollerá a Xornada Redexmar sobre dereito ambiental e xestión de recursos hídricos e mariños. Con ela, a Rede de Excelencia de Estudos Xurídico-Marítimos, liderada desde a Universidade de Vigo, pechará a súa actividade. Non será esta a única cita divulgativa do mes de novembro nesta facultade, xa que o día 14 acollerá tamén unha conferencia sobre o Instituto de Medicina Legal de Galicia.

Xornadas sobre recursos hídricos e mariños

Xornada Redexmar sobre dereito ambiental e xestión de recursos hídricos e mariños, coordinada polos profesores Roberto O. Bustillo, Mª Belén Sánchez e Laura Movilla, celébrase no marco da Rede de Excelencia de Estudos Xurídico-Marítimos (Redexmar), nada no marco do Programa de Consolidación de Unidades de Investigación Competitiva do Sistema Universitario de Galicia da Xunta de Galicia. A rede, liderada desde a Universidade de Vigo polo catedrático Jaime Cabeza, está formada por catro grupos de investigación de universidades galegas relacionados co dereito marítimo. Así están o Grupo DT1 de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade de Vigo, que lidera a rede; o grupo Medea Iuris, do campus de Ourense; o grupo CADIE, da Universidade da Coruña, e o grupo De Conflictu Legum, da Universidade de Santiago de Compostela.

Despois de tres anos de actividade académica e profesional, explica Roberto O. Bustillo, a rede pechará en Ourense a súa actividade. “A maior parte das actividades de Redexmar, máis vinculadas ao eido mariño, tiveron lugar no campus de Vigo. Esta facémola no campus de Ourense pola conexión temática que ten co Campus da Auga, xa que unha parte importante do contido da xornada está vinculada aos recursos hídricos”, sinala. A actividade, indica o  profesor, ten “un marcado carácter divulgativo, estando dirixida a alumnado pero tamén a profesionais e persoas interesadas no ámbito do medio ambiente”.

A actividade arrancará cunha conferencia sobre os principios do dereito ambiental a cargo de Fernando López Ramón, catedrático de Dereito Administrativo da Universidad de Zaragoza. Seguiranlle intervencións de César Tolosa, maxistrado da Sala 3ª do Tribunal Supremo, sobre o control xudicial e os problemas procesuais da Lei 21 /2013 de Avaliación Ambiental, e de José Manuel Sobrino, catedrático de Dereito Internacional Público da Universidade da Coruña, sobre a UE e a gobernanza internacional dos océanos. A programación tamén inclúe unha mesa redonda na que catro profesoras das universidades de Murcia e Vigo abordarán temas como as estratexias internacionais para salvagardar a vida mariña; a protección dos recursos mariños nas estratexias das concas marítimas da política marítima integrada; a auga e a economía circular e a auga, os obxectivos de desenvolvemento sostible e o dereito internacional.

Conferencia sobre o Instituto de Medicina Legal de Galicia

A segunda das citas divulgativas que acollerá a Facultade de Dereito en novembro é unha conferencia titulada O Instituto de Medicina Legal de Galicia: organización e funcións. A Unidade de Antropoloxía Forense. Fernando Serrulla, responsable desta unidade, volverá ao campus de Ourense para explicar en detalle ao alumnado asistente o traballo que realizan neste departamento e que lle ten levado a participar en casos como a autopsia de Diana Quer, a identificación de corpos do 11-M ou a exhumación de soldados descoñecidos mortos na guerra das Malvinas. A actividade está coordinada polos profesores do centro Marta Fernández e Virxilio Rodríguez.

Comentar noticia

Your email address will not be published.