Unhas xornadas buscan pór de relevo o papel das e os intermediarios entre a infancia e a literatura

Completaranse cun obradoiro sobre como levar a poesía ás aulas
Publicado por o día 23/01/2020 na sección de Galicia,Pontevedra,Universidade de Vigo

Unhas xornadas buscan pór de relevo o papel das e os intermediarios entre a infancia e a literatura

A mediación lectora, o papel de intermediarios e intermediarias que as e os docentes, o persoal das bibliotecas ou as propias familias xogan á hora de achegar os libros aos nenos e nenas, será o eixo central das IV Xornadas Desfacendo a raia, que, coa colaboración da Universidade de Vigo, a Asociación do Libro Infantil e Xuvenil de Galicia (Gálix) promove o luns 3 de febreiro na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Abertas á cidadanía, estas xornadas combinan no seu programa un relatorio e unha mesa de debate na que participarán representantes dos diferentes ámbitos desde os que se pode exercer ese labor de mediación, xunto cun obradoiro sobre o achegamento da poesía á infancia e mocidade, que o poeta e profesor Carlos Negro impartirá na sede da Vicerreitoría do campus.

Inseridas nas actividades que a Organización Española para o Libro Infantil e Xuvenil (Oepli) promove, co financiamento do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, en diferentes puntos de España, esta xornada terá como sede, por terceiro ano consecutivo, esta facultade do campus pontevedrés. “Nesta ocasión pareceunos que tocaba falar deses elementos da cadea, que ás veces non son tan visibles, pero que son moi importantes”, salienta a profesora da Facultade de Filoloxía e Tradución Ana Luna, integrante da directiva de Gálix e directora dunhas xornadas que cada ano poñen o foco nun aspecto vinculado coa difusión de literatura infantil e xuvenil. Nese senso, Luna salienta a importancia de que as xornadas conten coa colaboración da facultade na que se forma aos futuros e futuras docentes, xa que isto permitirá achegarlles diferentes ferramentas que, no seu futuro profesional, poden serlles de apoio á hora de seleccionar e recomendar lecturas aos nenos e nenas.

O programa

Trala inauguración, ás 11.00 horas, as xornadas abriranse cunha conferencia de María José Pousa, “que foi responsable dunha biblioteca de referencia e que actualmente traballa na asesoría de bibliotecas escolares” da Xunta de Galicia, explica a vicepresidenta segunda de Gálix, Pilar Sampedro, dun relatorio que porá o foco no papel que o persoal das bibliotecas pode xogar como intermediario entre a literatura e a infancia. A continuación, unha mesa redonda permitirá afondar no papel doutros “mediadores fundamentais”, como serían o persoal docente e as familias. Moderada por Sampedro, a mesa programada para as 12.30 horas, contará coas intervencións da mestra, crítica e tradutora de libro infantil Chus Nuñez e de Beatriz Fernández, representante de Espazo Lectura, unha asociación impulsada en Gondomar por unha serie de familias.

Xa pola tarde, ás xornadas completaranse co obradoiro Versos de aplicación instantánea (as aulas como lugares poéticos), que, entre as 19.00 e as 20.00 horas, impartirá na Vicerreitoría o docente e escritor Carlos Negro. “A poesía é algo que lles encanta aos nenos e nenas desde sempre, pero que, non obstante, non se traballa na escola tanto como se debería”, salienta Sampedro, dun taller, aberto tamén a todo o público interesado, que partindo do libro Aplicación instantánea, co que Negro gañou en 2018 o premio Jules Verne de Edicións Xerais, buscará pór de relevo “ese esforzo dos autores e autoras para achegarse a un tipo de lector”, como sería neste caso o público adolescente, “achegándose aos seus intereses”.