Uns 300 comercios de toda a cidade súmanse a unha campaña da ‘Volta ó cole’ con récord de participación

A concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, subliña a incorporación á iniciativa dunha ducia de establecementos de barrios como Monte Porreiro, A Parda e O Burgo
Publicado por o día 30/08/2019 na sección de Galicia,Pontevedra

Uns 300 comercios de toda a cidade súmanse a unha campaña da ‘Volta ó cole’ con récord de participación

Uns 300 comercios de toda Pontevedra sumáronse á campaña municipal ‘Volta ó cole’, o que supón un récord de participación se a comparamos con outros proxectos semellantes como o Black Friday celebrado o pasado ano, que contou coa implicación de 180 establecementos. A iniciativa, que sorteará sete vales por valor de 100 euros para canxear por produtos nos locais adheridos á mesma e que se desenvolverá entre os días 1 e 15 de setembro, foi presentada hoxe na Casa da Luz pola concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, quen subliñou “a incorporación dunha ducia de establecementos ubicados en barrios como Monte Porreiro, A Parda e O Burgo”.

Neste sentido, a edil socialista, que estivo acompañada por Marga Caeiro, de Pontevedra Digital (empresa coordinadora) amosouse moi satisfeita de que a campaña acadase un dos obxectivos que se marcou para este mandato, “que é o de extender tódalas propostas e iniciativas que se fagan máis aló do centro da cidade e levalas tamén aos barrios”. Segundo explicou, a ‘Volta ó cole’ pretende “premiar a fidelidade dos clientes e incentivar as compras no comercio local de Pontevedra durante este período de forte investimento en material escolar, uniformes, libros ou roupa deportiva”.

Os establecementos adheridos á campaña, que participan na mesma de xeito voluntario, terán visible un cartel no escarapate un cartel que lles entregou a Concellería de Promoción Económica, así como un talonario de boletos para a recollida do teléfono do cliente co selo da tenda, que deberá ser cuberto polo propietario no momento da venda.

A web do Concello (www.pontevedra.gal) exhibirá unha base de datos cos comercios participantes, entre os que se inclúen librarías, tendas de roupa e calzado, ópticas, perfumerías, mercerías, xogueterías, xoiarías, moblarías, herbolarios, floristerías e perruquerías.

Tal e como explicou Yoya Blanco, “realizaranse sete sorteos de 100 euros en cada vale de compra para gastar integramente en sete dos locais comerciais da campaña”. “Os sorteos levaranse a cabo na Casa da Luz o vindeiro 24 de setembro ás 13.00 horas e os premios serán comunicados por vía telefónica”, apuntou a edil do PSOE.

Os gañadores disporán dun mes, a partires do día seguinte ao sorteo, para canxear o vale íntegro en calquera dos 300 establecementos participantes.