“Ver e tocar” achega ao público xeral formas alternativas de percibir a arte

A exposición amosa 32 obras de arte, moitas delas realizadas por persoas con dificultades visuais, e material tiflolóxico que usan as persoas cegas, fundamentalmente no ámbito da educación
Publicado por o día 08/02/2018 na sección de Deputación de Pontevedra

“Ver e tocar” achega ao público xeral formas alternativas de percibir a arte

A mostra “Ver e tocar“, que reúne 32 pezas do Museo Tiflolóxico da ONCE, abre a programación de exposicións temporais do Museo de Pontevedra. Aproveitando o 75 aniversario de CRE da ONCE de Pontevedra, a Deputación aposta por dar cabida a esta proposta e continuar así coas accións inclusivas en materia de acceso á arte e coa visibilización de artistas con dificultades visuais. A mostra, que será inaugurada esta tarde ás 20h, foi presentada esta mañá polo director do CRE da ONCE, José Ángel Abraldes, polo director do Museo, Carlos Valle, e polo deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal.

Xosé Leal salientou a “obriga das Administracións públicas de apoiar proxectos coma este, que dan oportunidades a creadores con diversidade ao tempo que permiten que o público xeral se poida poñer na pel tanto do creador como das persoas con cegueira e coas súas particularidades para acceder á arte”. O deputado aproveitou para lembrar que esta exposición vén continuar coa pauta iniciada pola Deputación en anos anteriores de impulsar e visibilizar formas alternativas de  acceder á arte, como a exposición “Proxecto Táctil” que reunía pezas realizadas por unha decena de creadoras da Facultade de Belas Artes e da escola de moda ESDEMGA e que no pasado ano percorreu varios concellos da provincia. Tamén da tradición histórica do Museo en canto a colaboración con persoas usuarias da ONCE de Pontevedra falou Carlos Valle, que lembrou a iniciativa que a finais da década de 1970 puxera en marcha Olimpio Liste quen, utilizando unha máquina elevadora, propiciou que persoas con discapacidade visual puidesen tocar a cornixa da Igrexa de San Domingos.

Pola súa banda, o director do CRE da ONCE de Pontevedra, José Ángel Abraldes, lembrou os tres obxectivos da exposición: mostrar a colección do Museo Tiflolóxico ás persoas con discapacidade visual da contorna de Pontevedra; amosar á sociedade como se percibi a arte a través do tacto; e canalizar e dar visibilidade á obra de artistas con cegueira ou dificultades visuais. Abraldes asegurou, ademais, ter constancia de que “á xente encántalle esta exposición, e poder ver e tocar monumentos como o Taj Mahal nun único contacto” e manifestou que el persoalmente tiña moitísima ilusión por traer estas pezas ao Museo de Pontevedra. José Ángel Abraldes indicou que ademais do 75 aniversario do CRE da ONCE en Pontevedra, o Museo Tiflolóxico da ONCE cumpre 25 anos, e que no pasado exercicio esta mostra percorreu 14 cidades do Estado español contabilizando un total de 32.000 visitantes.

Na mostra poderán verse e tocarse as maquetas dos palacios árabes da Alhambra e o Patio de los Leones (Granada), e a do Taj Mahal (India), para coñecer que sente unha persoa cega cando percibe a arte a través unicamente das mans. Tamén se expoñen obras realizadas por persoas cegas ou con discapacidade visual grave, como a ‘Serie Cielo y Tierra Eterno Poema nº 28′, do pintor cego Ataúlfo Casado; ‘Luz del Clamor’, fotografía de Carme Ollé; ‘Tripeando’, do tamén fotógrafo con discapacidade visual Juan Torre; ‘Bodegón’, pintura de Mª Covadonga Martín Alonso, ou ‘Dehesa Soriana’, do pintor José Miguel Gonzálezo. A mostra inclúe tamén escultura, con ‘Homenaje a la ONCE’, do escultor sordocego José María Prieto Lago; ‘Soñando’, de Andrés Clariana; ‘Hombre con perro’ e ‘Los novios’, obras de Miguel Detrell; e ‘Salomé’, de Cesar Delgado.

A proposta complétase con obras como ‘La Castañera’, pintura de Rafael Arias; ‘Gran Vía’, fotografía de Marcelo Bilevich; ‘Concierto I’, do pintor Fernando Torres; ‘Dalí y yo’, unha pintura de Eduardo Matute ‘DUDU’; e ‘Rossy de Palma’, un retrato que amosa a forma en que a pintora Kelly Arrontes ve á actriz.

Tamén se exhibe material tiflolóxico que utilizaron ou utilizan as persoas cegas, como una Pauta de escritura en caracteres visuais, un ábaco, una máquina calculadora, ou máquinas de escritura braille.