Versos de Uxío Novoneyra percorrerán o mundo ilustrando roupa de ZARA

Inditex escolle caligramas do autor lugués para unha colección de verán na que tamén hai obra de Apollinaire
Publicado por o día 15/07/2020 na sección de Cultura

Versos de Uxío Novoneyra percorrerán o mundo ilustrando roupa de ZARA

A obra dun dos poetas senlleiros de Galicia espallarase polo mundo nun novo formato, o da roupa, grazas á iniciativa da empresa INDITEX. A través da súa marca ZARA a multinacional porá nas súas tendas unha pequena colección de camisas, gorros e camisetas para home cuxos deseños baséanse en caligramas do poeta do Courel, Uxío Novoneyra. A colección Premium Caligram inclúe ademais dos versos de Novoneyra os do poeta frances Apollinaire. Segundo indica hoxe o xornal El Progreso de Lugo, serán concretamente dous poemas e un verso do autor os que parecerán estampados nas prendas da cadea textil tras do interese da empresa de Arteixo que a levou a poñerse en contacto coa Fundación Uxío Novoneyra para xestionar estes deseños.

“Din os soños i os paxaros:a morte non é certo”; “Bailas e fasme libre”, dedicado ao bailarín Antonio Gades e “Andas as rúas coma se fora a praia”, este último pertencente a un dos poemas que o escritor adicou á súa muller, Elba Rey. Segundo explican en El Progreso, Uxío Novoneyra fillo, a marca tratou “con sensibilidade artística e coidado” a obra do seu pai e as prendas incluirán na etiqueta a tradución ao inglés dos versos feita pola canadense Erin Moure para a fundación. A capacidade global de distribución da marca textil fará posible que estes anacos de poesía galega e en galego cheguen a calquera parte do mundo.

Esta decisión de ZARA pon de relevo así o valor artístico gráfico dos poemas caligráficos do autor courelán, ademais do literario.