Trinta especialistas procedentes de oito países -España, Noruega, Suíza, Reino Unido, Holanda, Portugal, Italia e Polonia- participaron no campus na reunión de lanzamento de Safeway, o primeiro proxecto europeo que lidera a Universidade de Vigo dentro dos programas marco de innovación da Comisión Europea (Horizonte 2020 e FP7). Déronlles a benvida o reitor, Manuel Reigosa, e os dous investigadores responsables do proxecto, Belén Riveiro e Pedro Arias. “Como entidade coordinadora tivemos a oportunidade de celebrar aquí esta xuntanza o que permite situar a nosa Universidade como referente no ámbito da enxeñaría civil e, en particular, consolida a importante actividade que os grupos de Xeotecnoloxías Aplicadas, Encomat e Tecnoloxías Enerxéticas vimos desenvolvendo neste ámbito nos últimos anos”, salienta Belén Riveiro, coordinadora do proxecto.
Financiado con 4,5 millóns de euros, dos que 708 000 corresponden á institución académica viguesa, o gran obxectivo deste proxecto é crear un sistema europeo de xestión de infraestruturas capaz de deseñar, validar e establecer métodos, estratexias, ferramentas e intervencións técnicas para aumentar de xeito significativo a resistencia e a seguridade da rede de estradas e de infraestruturas ferroviarias ante circunstancias adversas ou eventos extremos, desde inundacións ata secas, incendios forestais, terremotos ou corrementos de terra. Para conseguilo teñen por diante 42 meses de traballo –a data prevista de finalización é febreiro de 2022-.
Dúas intensas xornadas nas que abordar os detalles do proxecto
Nesta primeira xuntanza oficial, celebrada o pasado xoves e venres, as e os integrantes do proxecto abordaron diferentes aspectos, tanto administrativos e financieiros, coma de implementación técnica. Así, o primeiro día, trala apertura e benvida por parte do reitor, na que ademais de felicitalos pola consecución do proxecto remarcou a importancia deste traballo para mellorar a rede europea de transporte público, comezou a revisión de aspectos administrativos e financeiros máis importantes. Encargouse desta tarefa o enxeñeiro español Sergio Escriba, responsable de proxectos de investigación do sector transportes dentro do programa H2020, na Innovation and Networks Executive Agency (INEA) da Comisión Europea. Tras esta primeira toma de contacto celebráronse diferentes sesións técnicas nas que as persoas participantes tiveron a oportunidade de discutir sobre a visión, metas e ámbitos do proxecto, para así, xa na xornada do venres, centrarse na implementación dos paquetes de traballo e máis nas áreas piloto nas que se pretende demostrar os resultados aos que se chegue co proxecto.
Universidades, empresas, centros de investigación e as principais operadoras de transporte
Se ben o proxecto arranca agora de xeito oficial, estes especialistas chegaron a Vigo tras moitos meses de traballo conxunto nos que se tratou de dar forma a un traballo que foi quen de pasar os estritos filtros de control e selección deste tipo de convocatorias –foi seleccionado entre máis de medio cento de propostas-. En total hai socios de 15 entidades: tres universidades ( Cambridge, Minho e Vigo); tres operadoras de transporte (a española Ferrovial, a británica Network Rail e Infraestruturas de Portugal); dous centros de investigación (Instituto Xeotécnico Noruego e o Instituto Noruego de Economía do Transporte) e seis pequenas e medianas empresas do ámbito das TIC, entre as que se atopan unha filial de TomTom e a galega Insitu.
Tarefas a desenvolver dende Vigo
Liderado polo Grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas, ao que pertencen Pedro Arias e Belén Riveiro, e apoiado polos grupos Encomat (Enxeñaría de Corrosión e Materiais) e GTE (Tecnoloxía Enerxética) o papel da Universidade de Vigo neste traballo inclúe actividades de carácter xeoespacial destinadas á monitorización das infraestruturas “para o que se empregará tanto información satelital como vehículos que incorporan sensores similares, que é onde temos máis traxectoria”, tal e como recalcou Riveiro o pasado mes de xullo na presentación do proxecto. Con toda esta información poderanse desenvolver algoritmos que automaticen o manexo dos datos, o que facilitará “que non sexa un único operario o que teña que estar dixerindo toda a información, senón que o sistema garde a información relevante e lla remita para que esta persoa poida tomar as decisións máis adecuadas”.
A maiores, desde o grupo Encomat encargaranse do paquete de traballo destinado ao desenvolvemento de novos sistema construtivos, creados a partir de materiais intelixentes –sobre todo aceiros con memoria de forma e novos cementos que melloran a resistencia da infraestrutura- e incluso novas tecnoloxías que permiten certas recuperacións despois do acontecemento dun dano. Por parte do Grupo de Tecnoloxías Enerxéticas propoñen a aplicación dunha ferramenta “na que eles son expertos e teñen xa moita experiencia”, apuntou Riveiro, que permite facer predicións meteorolóxicas a curto prazo e que poden ser de gran relevancia á hora de axudar a mellorar o seguimento de incendios forestais, inundacións ou calquera outro elemento que dependa das circunstancias meteorolóxicas.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.