Vigo, capital da economía azul co XXXIII Congreso Internacional de Economía Aplicada, Asepelt 2019

O congreso arrancou este mércores con diferentes actividades en Ciencias Económicas e Empresariais
Publicado por o día 19/06/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Vigo, capital da economía azul co XXXIII Congreso Internacional de Economía Aplicada, Asepelt 2019

Vigo acolle por primeira vez o Congreso Internacional de Economía Aplicada, Asepelt 2019, un evento que dende hai dúas décadas constitúe un claro referente como lugar de encontro do persoal investigador no campo da Economía Aplicada e do traballo realizado neste campo en diferentes países. Este congreso, organizado pola agrupación estratéxica Ecobas da Universidade de Vigo e a Asociación Internacional de Economía Aplicada Asepelt en colaboración co Concello de Vigo, Autoridade Portuaria e Consorcio de Zona Franca de Vigo, reúne dende este mércores ata o domingo 23 de xuño a máis de 150 especialistas nun “foro de debate e discusión comprometido que serve para enriquecer todo o coñecemento xerado”.

Asepelt 2019 arrancou este mércores na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais coa conferencia de Manuel Gómez Gutiérrez-Terranova sobre os desafíos e oportunidades aos que se debe enfrontar o sector financeiro coa chegada do cambio climático. Durante a súa conferencia Gómez destacou a necesidade de migrar cara un novo paradigma evolutivo no que descarbonizar a economía actual e “evolucionar cara un contexto moito máis sostible” no que as economías saiban “afrontar o reto e configurar as súas estratexias para aproveitar o cambio”: atraer novos investimentos e situarse no novo taboleiro estratéxico porque “aqueles que tiveron un rol determinante co petróleo probablemente non xoguen o mesmo papel neste novo contexto”.

O Comité Organizador apostou por esta temática como apertura das actividades porque “non só é unha cuestión moi en auxe, senón que se trata do gran reto medioambiental e socioeconómico de hoxe en día”, asegura Carlos M. Fernández Jardón, presidente do Comité Científico e membro do Comité Organizador do congreso. Nesta primeira xornada tamén se realiza un seminario específico no que arredor de 30 investigadores e investigadoras abordarán o método de estimación de mínimos cadrados parciais (PLS) para estimar ecuacións estruturais e a posibilidade de implementalos cunha rutina incluída no software R.

A Economía Azul, eixo principal

Tras a xornada de arranque e cun escenario como Vigo de fondo, Asepelt 2019 inaugurarase oficialmente mañá xoves ás 09.30 horas no centro social Afundación de Vigo. Nesta nova edición o congreso céntrase na Economía Azul, pondo o acento nas actividades marítimas e o desenvolvemento sostible, aproveitando que “a propia Universidade de Vigo se ten orientado significativamente ao estudo das ciencias mariñas, incluíndo nelas tamén a economía”. “A través dos traballos presentados veremos metodoloxías nas que se relacionan variables e factores que inflúen na mellora da situación empresarial e das accións políticas relacionadas con esa economía azul”, salienta Fernández Jardón.

Así, o congreso servirá como foro de debate sobre os avances obtidos neste campo e as súas achegas para crear unha contorna económica e lexislativa que proporcione os incentivos axeitados e presentaranse investigacións como unha comparativas dos réximes internacionais de responsabilidade civil no caso Prestige, a brecha de xénero nas carreiras azuis, unha análise da ecoeficiencia nos portos españois ou da pesca artesanal en Galicia, un estudo sobre as interrelacións entre a evolución da flota atuneira española e o sector conserveiro, entre outros.

A planificación e xestión eficaz do espazo mariño e os seus recursos, o desenvolvemento e aplicación de estándares, as mellores prácticas para o aproveitamento sostible dos recursos e o recoñecemento da sinerxía entre economía marítima e terrestre serán algúns dos temas a tratar nun congreso que buscar “cooperar activamente, compartir información e coñecemento para contribuír a acadar un futuro sostible e próspero para todos”.

Xunto con estes obxectivos, en Asepelt 2019 abriranse outros campos de interese “en liña coa tradición investigadora marcada en anteriores edicións, dando continuidade aos obxectivos de análise xa consolidados nos nosos departamentos e grupos de investigación de referencia”. Analizaranse temas como a sobrecualificación laboral do titulado universitario español, a severidade da violencia contra a muller, a economía para a felicidade, a presenza de mulleres no consello de administración e o seu impacto no desempeño financeiro ou a súa relación coa responsabilidade social corporativa ou desigualdade no crecemento económico, entre outros.

I Premio Bernardo Pena Trapero

Nesta edición do congreso concederase por primeira vez o Premio Bernardo Pena Trapero, creado para premiar ás novas e novos investigadores e promover o traballo científico no ámbito da Economía Aplicada. O premio será para o mellor traballo de carácter inédito e non publicado presentado no congreso e asinado por un ou varios investigadores menores de 35 anos.

Ademais, Asepelt 2019 contará coas conferencias plenarias este xoves 20 (18.00h) de Carlos Botana, responable do Departamento de Sostibilidade do Porto de Vigo, e de Juan José García del Hoyo, presidente do Consello Económico e Social e catedrático da Universidad de Huelva. Mentres, o venres 21 (17.00h) será a quenda de Antón Costas, catedrático de Economía Aplicada da Universitat de Barcelona, que porá o broche de ouro ao evento coa súa ponencia sobre un novo contrato social para o século XXI.

Comentar noticia

Your email address will not be published.