Vigo e Pontevedra foron os concellos con máis persoas maiores que desfrutaron da iniciativa provincial de termalismo para promover o envellecemento activo

A Deputación de Pontevedra pecha con enorme éxito de participación o programa “Depotermal” 2019, que lles achegou novas experiencias a case 2.900 persoas
Publicado por o día 20/01/2020 na sección de Deputación de Pontevedra,Galicia,Pontevedra

Vigo e Pontevedra foron os concellos con máis persoas maiores que desfrutaron da iniciativa provincial de termalismo para promover o envellecemento activo

Promover o envellecemento activo, mellorar a calidade de vida das persoas maiores, impulsar o establecemento de novas relacións sociais, favorecer a participación en actividades que melloren o estado anímico, potenciar espazos de encontro e de intercambio de experiencias e evitar o illamento e as situacións de soidade eran os obxectivos marcados para o programa “Depotermal” 2019 impulsado desde a Deputación de Pontevedra. Deste xeito, os datos relativos á participación na iniciativa amosan o triunfo do programa de termalismo.

No ano 2019 participaron no programa “Depotermal” 2.877 persoas de 56 concellos da provincia de Pontevedra. Nos cinco meses durante os que se desenvolveu 565 persoas puideron gozar da modalidade diúrna, mentres que 2.312 se beneficiaron do programa con pernoita. A estas hai que sumarlles as persoas en situación de risco de exclusión social que foron subvencionadas pola Deputación.

Novembro foi o mes que contou cunha maior afluencia de participantes, posto que 1.346 persoas o escolleron para gozar da iniciativa. Por outra banda, “Depotermal” contou con 854 mulleres e homes en outubro, con 358 en setembro, con 228 en xuño e con 91 en decembro. O concello que contou cun maior número de participantes no programa termal foi Vigo, con 1.098. Pontevedra foi o segundo con 233 persoas, mentres que Cangas, Redondela e Nigrán ocuparon o terceiro, o cuarto e o quinto posto con 123, 118 e 91 participantes, respectivamente.

O programa da Deputación de Pontevedra cumpre co dobre obxectivo de promover o envellecemento activo e de dinamizar a economía da provincia, impulsando o mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade e, polo tanto, desestacionalizando a demanda. “Depotermal” 2019 dirixiuse a persoas empadroadas na provincia que naceron antes do 1 de xaneiro de 1969 e tamén a aquelas que, malia nacer con posterioridade, son pensionistas ou teñen un grao de discapacidade igual ou superior ao 65 %.