Vigo pon en valor a investigación galega en biotecnoloxía en Biotec2019

O reitor destacou o excelente posicionamento desta disciplina en España
Publicado por o día 11/06/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Vigo pon en valor a investigación galega en biotecnoloxía en Biotec2019

“Esta é unha ocasión única para establecer contactos con xente que pode axudarnos a dar un salto cuantitativo ao noso traballo, achegando novos puntos de vista a través desa multidisciplinariedade que caracteriza á biotecnoloxía”. Así definía o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, o Congreso Nacional de Biotecnoloxía, Biotec 2019, que celebra a súa 17ª edición en Vigo con máis de 150 expertos e expertas. Auspiciado pola Sociedade Española de Biotecnología, Sebiot, e organizado polo grupo de Bioenxeñaría e Procesos Sostibles, Biosuv, da Universidade de Vigo, o congreso converterá á cidade durante tres días no principal foro de reunión dos investigadores e investigadoras españolas no ámbito da biotecnoloxía e servirá para “fomentar as capacidades de traballo en rede que poidan xurdir” durante o encontro entre persoal investigador, empresas, administracións públicas e entidades privadas, como salientou o reitor durante a inauguración.

Serán tres días para “debater, aprender, compartir, facer contactos…”, como explicou a investigadora da UVigo Mª Asunción Longo, presidenta do comité organizador, quen quixo agradecer á Sebiot a aposta por Vigo como sede e pola “oportunidade de dar a coñecer dun xeito amplo a investigación que se fai no ámbito da biotecnoloxía non soamente na cidade, senón tamén a nivel galego”. Neste sentido, Reigosa salientou o bo posicionamento da biotecnoloxía en España e a necesidade de “seguir traballando para ter un bo desenvolvemento de futuro”. “Se queremos un país de primeira ten que haber unha investigación de primeira e para iso necesítase financiamento. Parece que agora estamos a saír do burato negro ao que nos someteu a crise, unha crise na que se decidiu que debía recortarse en ciencia”.

Todos cara a mesma dirección

O acto inaugural do congreso contou tamén coa participación do alcalde de Vigo, Abel Caballero, quen quixo destacar que “o mundo caracterízase cada vez máis polo coñecemento e por unha capacidade de saber relacionada coa investigación, tanto de ciencias puras como aplicadas. E temos que ser capaces de actuar como un grupo de vectores encamiñados todos cara a mesma dirección, centros de investigación, patrocinadores e institucións públicas”.

Pola súa banda, o presidente da Sociedad Española de Biotecnología, Fernando Peláez, animou ás investigadoras e investigadores máis novos “a participar de forma activa asistindo ás sesións, aínda que non sexan da súa área porque manter a mente aberta nun campo tan multidisciplinar pode levar a grandes proxectos”.

Dez áreas temáticas

Con dez áreas temáticas diferentes que abordan un campo de traballo amplo con diversas aproximacións e aplicacións, ata o xoves 13 de xuño o congreso combinará as conferencias plenarias coas sesións paralelas centradas en biotecnoloxía alimentaria, da saúde, vexetal, industrial, ambiental ou microbiana, entre outras.

Como principal novidade desta 17º edición do congreso o comité organizador quixo incluír de modo específico, “e por primeira vez neste evento” a área temática da biotecnoloxía azul, centrada no desenvolvemento de novos produtos e procesos biotecnolóxicos de orixe mariña. “Pareceunos unha excelente oportunidade para pór en valor a importantísima actividade da Universidade de Vigo e os seus socios en Campus do Mar neste sector”, explica a presidenta do comité organizador, principal cabeza visible dun equipo do que tamén forman parte os investigadores/as da Universidade de Vigo Mª Ángeles Sanromán, Mª Salomé Álvarez, Francisco J. Deive, Diego Moldes, Marta Mª Pazos e Emilio Rosales.

Aproveitando a celebración en Vigo e a proximidade e fortes vínculos con Portugal, nesta edición propiciarase especialmente a participación da comunidade científica deste país. “É importante favorecer a investigación multidisciplinar e potenciar a transferencia de coñecemento xerado á sociedade”, recalca Longo.

O congreso conta coa colaboración do Concello de Vigo, así como das empresas Gesfilter, Greiner Bio-One, Zendal, Promega, Hifas da Terra, Celta Ingenieros e Proquinorte.